O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) ten hoxe o día completo de actividades con algunhas das tecnoloxías e servizos que máis dan que falar no ámbito empresarial e profesional. Pola mañá vaise desenvolver, 9:30 a 13:30 horas, un seminario sobre optimización de consultas e índices SQL Server. O obxectivo desta sesión é, en parte, achegar recursos para evitar que o rendemento das nosas aplicacións de bases de datos. Para iso, farase un repaso por como traballa o xestor de acubillos de información SQL Server. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, a multinacional IBM amosará o seu programa de emprendemento.
Volvendo ao seminario sobre SQL Server, dicir que se centrará na optimización de consultas para gañar rendemento así como naqueles temas relacionados coa temática: uso e abuso de índices, plans de execución, problemas de fragmentación, consultas complexas, etc. A xornada vai encamiñada sobre todo a profesionais do sector das novas tecnoloxías, máis en detalle perfís propios de administradores de bases de datos e/ou de sistemas, así como a calquera profesional interesado na temática.
O relator da xornada será Rubén Rubio Fidalgo, enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña con gran experiencia nos eidos da formación e consultoría no desenvolvemento de software, especialmente en tecnoloxías Microsoft .NET, así como na implantación e administración de bases de datos SQL Server nas súas diferentes versións e no desenvolvemento de solucións BI sobre estas tecnoloxías.
Polo que atinxe á xornada da tarde, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Se tes unha idea, queremos traballala contigo. Trátase, como dixemos, dunha cita da multinacional IBM cos nosos profesionais e emprendedores para que coñezan o xeito de traballar e facer tecnoloxía da histórica compañía TIC e, por outra banda, para que amosen cadanseus proxectos tecnolóxicos con vistas a seren incluídos no programa de apoio ao emprendemento de IBM.
A sesión, que vén da man de AMTEGA, desenvolverase en horario de 16.00 a 20.00 horas.
Trátase, en palabras da axencia, “dunha actividade coa que se pretende dar a coñecer ás persoas asistentes a tecnoloxía que IBM pon a disposición das startups, desenvolvedores, universitarios etc., así como as axudas que ofrece cos seus distintos programas no contorno da computación na nube”. Segundo engade AMTEGA, outra das finalidades de IBM é “ter coñecemento das empresas que forman parte do ecosistema tecnolóxico de Galicia e analizar como darlles valor aos clientes”.
A actividade está dirixida a startups (empresas con menos de cinco anos), emprendedores e universitarios con ideas de empresas de alicerce tecnolóxico. IBM será a encargada desta sesión demostradora, que inclúe unha sesión de traballo colaborativo prevista para o final do encontro, no que as persoas interesadas, previa cita, poderán falar co equipo da empresa.
O xestor SQL Server e os programas de emprendemento de IBM, hoxe no CNTG
Compartir Este Artigo
