A terceira edición de Leadership Fórum eCommerce, evento centrado no comercio electrónico en Galicia incluído no programa de InCoruña, centrarase nas oportunidades da mercadotecnia en liña e da compravenda nos escenarios dixitais para pequenos negocios e PEME. O congreso, que se celebrará na sede de AFundación na Coruña os días 5 e 6 de maio, abordará asuntos como a creación de tendas online, os novos nichos de negocio, a exportación ou a busca de novos mercados. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse de maneira gratuíta na web da iniciativa InCoruña.
A encargada de abrir as xeiras de relatorio será Vitoria Vera, directora do programa eMarket Services do ICEX, cun relatorio titulado Exportar online sendo pequeno. Na charla, Vera falará sobre “varias armas poderosas e gratuítas” para que calquera, sexa do tamaño que sexa, poida vender en todo o mundo desde o mostrador da súa tenda física.
O congreso contará tamén con Sheila Álvarez, da axencia Elogia, firma de importante participación galega e un referente estatal e internacional a nivel de publicidade e mercadotecnia aplicadas ás novas canles de comunicación; Manuel Camacho, CEO de Solostocks, unha das plataformas de venda B2B máis importante de Europa, e Pablo Medraño, director de redes Sociais en Roi Scroll, vigueses expertos en conversións ecommerce.
Completan o programa Mapi Báez, consultora certificada de Hootsuite; Kike Soria, socio fundador de Tech & Law, avogados expertos en novas tecnoloxías, e Maricarmen Fernández, blogueira e directora executiva de Infinitum eCommerce. Ademais, acudirán tamén diferentes expertos en comercio en liña de empresas como Vodafone, Manufacturas de Internet ou eTenderos, entre outras.
O congreso acubillará a maiores dous obradoiros, aos que é posible inscribirse na web da iniciativa InCoruña, ao prezo de 60 euros cada un. Impartiranse na sede de ASCEGA (rúa Matadoiro, 52). O martes 5, de 17.00 a 19.00 horas, é a quenda do obradoiro de Ricardo Tayar, que falará sobre como mellorar a conversión e máis a rendibilidade nunha actividade de ecommerce. Segundo nos conta a organización das xornadas, Ricardo é un dos meirandes expertos españois en optimización de tendas en liña, ademais de fundador da súa propia axencia (Flat 101) e profesor do Master de Analítica (KSchool), do Master MeBA e do Master NTIC (U. Complutense). Por outra banda, salienta como un dos blogueiros máis seguidos do ámbito da mercadotecnia dixital a través da súa bitácora persoal, ricardotayar.com.
Segundo avanzan os organizadores das xornadas, o obradoiro práctico de Tayar será “altamente especializado”, achegando coñecementos perfectamente aplicables sobre como mellorar cousas como a rendibilidade da nosa tenda en liña, co fin de vender máis optimizando recursos e afinando estratexias.
Outra das clases mestras virá da man de Improving Metrics, e xirará arredor da analítica web (que, como, porqué e despois que?). Improving Metrics, sinala a organización, é un equipo de profesionais afincados en Coruña que conta entre os seus clientes con algunhas das máis grandes empresas nacionais e internacionais (de feito, moitos dos seus directivos confían nas métricas que lles ofrece IM para tomar as decisións de negocio axeitadas). Con este obradoiro, que se celebra o 6 de maio a partir das 17 horas e no mesmo escenario que o anterior, os participantes aprenderán a planificar unha estratexia analítica, integrar e aplicar ferramentas axeitadas e analizar os datos para tomar decisións que melloren a rendibilidade do seu negocio, on/off line.
Comeza este martes na Coruña o terceiro Leadership Fórum eCommerce
Compartir Este Artigo
