
Segundo fai saber, “tanto os tres primeiros sensores instalados en Pontevedra a finais de marzo, como os catro que se sumarán a este proxecto proximamente, constitúen unha versión mellorada e máis compacta” dos transmisores que este grupo de investigadores leva tempo desenvolvendo. “De aí que o convenio o Concello teña convertido a Pontevedra nun valioso campo de probas para o proxecto Humsat”, engádese, explicándose tamén que o picosatélite encetou dende o primeiro intre a recollida de información subministrada polas antigas versións dos transmisores, na Universidade e nos aparellos instalados en Brasil e California. A diferenza é que agora a Cidade do Lérez achega ao proxecto datos reais.
Acerca das características da participación de Pontevedra, sinalar que é o propio Goberno local o que determina que tipo de sensores se procede a instalar e que tipo de información se obtén con eles. Os investigadores o que fan é programar os sensores e engadirlles todo o hardware e o software que precisan para que poidan comunicarse co satélite e coa rede móbil. A continuación, fornécense ao Concello para que os instale. Segundo apuntan os investigadores participantes, cando o satélite pasa por riba da Universidade, descarga a información recollida e esta almacénase nun servidor.
Os primeiros sensores en entrar en funcionamento, o 23 de marzo, foron os tres que se instalaron na Praza de España, en Ponte Muíños e no nó de Bombeiros, que miden, por unha banda, o nivel de ruído ambiental, e, por outra, os índices de partículas en suspensión, co propósito de coñecer a contaminación que provoca o tráfico, entre outras cousas. Os dispositivos achegan información practicamente en tempo real, aínda que pode haber certa marxe de adiamento. O Goberno local xa amosou o seu interese en emprazar a información obtida a través do Humsat-D a disposición de toda a cidadanía a través da súa páxina web.
Como se dixo, aos tres sensores xa instalados e operativos (autónomos na vertente enerxética) engadiranse nos vindeiros meses outros catro, orientados sobre todo a avaliar a calidade do aire na cidade, medindo os niveis de osíxeno, dióxido de nitróxeno ou ozono. Xa nunha segunda fase, este convenio podería ampliarse tamén á medición da calidade das augas, como xa anunciou o Concello.
Pontevedra xa fornece a primeira información real ao satélite Humsat-D da UVigo
Compartir Este Artigo
