Continuando coas actividades de divulgación científica do Programa ConCiencia da Universidade de Santiago de Compostela o vindeiro 28 de maio no Auditorio Abanca sito na compostelá rúa do Preguntorio estará presente Claude Cohen-Tannoudji, físico francés de orixe alxeriana, pioneiro de métodos de arrefriamento de átomos con feixes de láser, o que lle valeu o recoñecemento dun Premio Nobel de Física en 1997 xunto con Steven Chu e William D. Phillips.
As técnicas desenvolvidas por Cohen-Tannoudji, Phillips e Chu foron esenciais para fabricar reloxos atómicos máis precisos, sendo a tecnoloxía desenvolvida a partires destas técnicas de grande importancia para a mellora da navegación espacial e os sistemas GPS. A manipulación e control de átomos tamén é útil para medir a forza da gravidade nun determinado lugar da Terra, e o seu control abriu as portas á computación cuántica.
Cohen-Tannoudji foi un dos primeiros en propor o bombardeo de átomos con luz coherente para desaceleralos, e en 1995 conseguiu rebaixar a temperatura ata 0,2 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. Estará presente en Compostela para impartir un relatorio titulado Manipulando átomos con luz ás 19:30 horas, co que pretende divulgar a área de coñecemento na que ten grande experiencia, mentres que pola mañá, ás 11:30 horas, participará nunha xuntanza con investigadores na Aula Magna da Facultade de Física da USC.
Un Premio Nobel pioneiro no arrefriamento de átomos con láser visitará Compostela a finais de mes
Compartir Este Artigo
