Este 17 de maio deuse na nosa terra (como cada ano) unha coincidencia que non se pode pasar por alto: os festexos do Día das Letras Galegas e os do Día de Internet. Para conmemorar este convite a estarmos na Rede e seguir deixando pegadas da nosa identidade, a Deputación de Lugo organizou a xornada formativa Viaxe a mil e un lugar coas TIC, na que participaron arredor de 200 maiores da provincia. Con ela, a iniciativa InLugo (Fundación TIC da Deputación) celebrou o venres o Día Mundial de Internet. Na cita participaron a vicepresidenta segunda Lara Méndez e máis o alcalde de Lugo, José López Orozco. A xornada orientouse a ensinar ás persoas de máis de 55 anos a realizar viaxes virtuais dun xeito lúdico e doado.
No transcurso da actividade, leváronse a cabo conexións en directo, vía o servizo Skype, co presentador do programa Luar da TVG, Xosé Ramón Gayoso, a cantante Lucía Pérez e o comunicador especialista en programas de saúde, Manuel Torreiglesias. A idea destas conversas foi amosar como grazas ás novas tecnoloxías é posible conversar e comunicarse amplamente malia haber quilómetros de distancia de por medio. Tamén se lles ensinaron aos participantes as técnicas básicas das fotografías en croma (que lles permitiron figurar en lugares como as Pirámides de Exipto ou o Amazonas) e as potencialidades para o coñecemento do mundo das ferramentas Google Earth ou Street View. Igualmente, conectaron con cámaras web que amosaron en tempo real, o que acontecía en cidades como Roma ou París. A maiores, xa máis preto, tiveron a posibilidade de falar en directo coas persoas que camiñaban xusto neste intre pola zona histórica da Cidade da Muralla.
As actividades foron impartidas por docentes do InLugo e técnicos da TIC, e contaron coa participación de bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son. Eles foron os encargados de realizar as conexións en directo desde as rúas de Lugo, como práctica nun escenario real. Ademais os alumnos de 1º de Produción gravaron imaxes e entrevistas para elaborar unha reportaxe de televisión dentro dos módulos de Planificación de Proxectos Audiovisuais e Medios Técnicos Audiovisuais.
A Deputación de Lugo celebrou a Rede levando de viaxe virtual polo mundo a 200 maiores
Compartir Este Artigo
