Ribeira vén de presentar unha aplicación para loitar contra a violencia de xénero. A ferramenta, dispoñible para Android, acompañouse dun folleto con feitura e inspiración manga en cuxo desenvolvemento (no da app e no do folleto ao estilo da banda deseñada xaponesa) participaron ata 275 alumnas e alumnos de ESO pertencentes a seis centros educativos. Estas alumnas e alumnos concorreron nunha actividade formativa sobre a igualdade de xénero. O resultado do seu traballo foi dado a coñecer pola concelleira de Igualdade, Aroa Fernández, e a directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras.
No desenvolvemento da aplicación tomaron parte 120 alumnas e alumnos pertencentes aos colexios Bayón, A Milagrosa de Oleiros, Sagrado Corazón de Castiñeiras e Galaxia. No seu labor estiveron asesorados por un experto en programación deste tipo de ferramentas. Segundo informou o Concello, entre os contidos aos que podemos acceder a través da aplicación atópanse cuestións relacionadas coa seguridade nas redes sociais ou as consecuencias legais da violencia sexista. Para quen queira coñecer algo máis da ferramenta, sinalar que xa hai unha ligazón específica dispoñible.
No segundo caso, a banda deseñada, o Concello informou que ata 155 rapaces do IES Número 1 e do IES Leliadoura traballaron en darlle forma. No folleto explican distintas cuestións vencelladas coa violencia de xénero e as relacións de parella.
Ribeira amosa unha aplicación contra a violencia de xénero deseñada por estudantes
Compartir Este Artigo
