Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) amosan unha porcentaxe de poboación galega con conexión a Internet de banda larga que se achega ao 70%. Ou sexa, que sete de cada dez fogares teñen o devandito servizo contratado, o que supón un incremento do 50% con respecto ao período 2010-2014. Así o reflectía a semana pasada a Axencia para a Modernización Tecnolóxica Galega (AMTEGA), que engadía que as anteriores cifras sitúan á nosa terra a catro puntos da media estatal.
No informe tamén se fan saber datos relevantes sobre o tipo de conexión e como foron mudando os nosos hábitos para accedermos á Sociedade do Coñecemento ao longo do último lustro. Así, a día de hoxe, un 82,9% accede a través de dispositivos móbiles, “1,2 puntos máis cá media estatal”, explica a axencia, que engade que a conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 26,8%, 5,9 puntos máis que a media estatal (20,9%).
No que atinxe ao tamaño do hábitat, o organismo que dirixe Mar Pereira sinala que nos concellos con poboación de 20.000 a 50.000 habitantes, a media galega supera á estatal nos tres indicadores principais (vivendas con ordenador, con acceso a Internet e con banda larga). Así, a taxa de vivendas con ordenador acada case o 80%.
No informe A mocidade e as TIC do O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) constátase tamén que a convivencia con nenos “inflúe positivamente” na contratación e uso de internet. Deste xeito, indícase, o 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos dispón de servizo de Internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos domicilios sen nenos. Segundo apunta AMTEGA, unha das conclusións máis salientables do estudo do INE é que por vez primeira Galicia supera a media estatal no uso de ordenador e de Internet no grupo de idade de 16 a 44 anos, que acada o 91%.
Polo que atinxe aos usos dos servizos de Internet, o 87,3% dos internautas galegos le ou descarga xornais ou revistas en liña, case 10 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 65,3% dos usuarios de Internet da nosa terra participa en redes sociais. Tamén é digno de mención o incremento no uso de servizos como a solicitude da cita médica a través da páxina web (case 14 puntos máis cá media estatal).
Sete de cada dez fogares galegos teñen Internet de banda larga
Compartir Este Artigo
