Vodafone España deu a coñecer as cifras do seu último ano fiscal, ou sexa os resultados do período comprendido entre o 1 de abril de 2014 e o 31 de marzo de 2015. Segundo fai saber no se reconto, a división estatal da compañía foi quen de facturar 4.679 millóns de euros ao longo dos devanditos doce meses. A cifra amosa unha caída do 9,4% en termos orgánicos con respecto ao ano anterior. Porén, segundo aclara a operadora, amosouse “unha tendencia positiva continuada ao longo dos doce meses, que se confirmou cun descenso de “só o 1,6% no último trimestre”.
Polo que atinxe aos ingresos por servizo, acadaron os 4.303 millóns, un 10,5% menos en termos orgánicos có período previo. Iso si, o ritmo de caída foi freando co transcurso do tempo, pasando dun 15,3% no primeiro trimestre ao 7,8% no último.
Os ingresos por servizo fixo, pola súa parte, experimentaron unha suba do 8,7%, en termos orgánicos e impulsados polo “sólido aumento da carteira de clientes de banda larga fixa”. Estes e outros números acompáñanse dun “forte avance do negocio da banda larga”, en palabras da operadora, que confirma un salientable crecemento no número de usuarios da dita tecnoloxía ao longo do último trimestre. Así, en 4G aumentou en 743.000 ata máis de 2,9 millóns e en fibra en 92.400 ata preto de 1,7 millóns.
Pola súa parte, a base de aboados de contrato á telefonía móbil caeu no cuarto trimestre en 110.000 ata os 10.938.000 debido, por unha banda, a unha menor actividade comercial pola redución dos subsidios de terminais no último trimestre e, pola outra, a terse desactivado os 124.000 módems USB sen uso que se ofrecían como back up asociados a plans de prezo de Vodafone ADSL xa fóra de catálogo. Sexa como sexa, a división española da operadora pechou o ano fiscal con 14.179.000 clientes de telefonía móbil.
Pola súa parte, o total da base de clientes de banda larga fixa situouse nos 2.810.000 tras subir 34.000 no último trimestre. Ademais, a operadora pecha o ano con 790.000 usuarios de televisión. No treito final do período, o número de clientes que gozan da televisión intelixente de Ono, desenvolvida sobre TiVo, aumentou en máis de 30.000 ata os 475.000, cifra que supón un incremento de máis do 32% respecto ao peche do ano anterior.
No que se refire a investimentos, a compañía destinou en España 1.110 millóns de euros para tal fin. Isto, sinala a operadora, constitúe un 49% máis que un ano antes en termos orgánicos. “Parte deste esforzo”, explica Vodafone, “foi impulsado polo programa Spring, iniciativa do Grupo Vodafone deseñada para acelerar o despregamento das redes de nova xeración e así afianzar o liderado da empresa en banda larga ultrarrápida fixa e móbil”.
A firma tamén informa que ao longo do segundo semestre, foi quen de manter a súa eficiencia operativa, reducindo os seus custos operativos en 3%. Nese mesmo período, o primeiro completo no que se inclúen as cifras de Ono, a marxe de ingresos sobre EBITDA acadou o 24,2%. No conxunto do ano a marxe de EBITDA ascendeu ao 21,4%.
Vodafone España facturou 4.679 millóns de euros no seu último ano fiscal
Compartir Este Artigo
