Verkami, a plataforma de micromecenado (crowdfunding) vén de facer reconto dos proxectos que acadaron apoios de financiamento a través da súa canle en liña: un total de 3.000 (este 19 de maio). Trátase, como é de agardar, de iniciativas de toda índole (dende libros a discos, pasando por filmes, xogos e por espectáculos), repartidas por todo o mundo e amosando os seus responsables, coas súas propostas verkamizadas, que o micromecenado e os novos xeitos colaborativos de cubrir o investimento dunha iniciativa son unha realidade para perdurar. Para poñer de manifesto estas e outras cifras, a plataforma e os investigadores Eva Sastre e Lluís Bonet do departamento de Gestió Cultural da Universidade de Barcelona elaboraron un estudo no que colaboraron case 700 creadores dos 3.000 proxectos exitosos de Verkami para avanzar no coñecemento do crowdfunding e contribuír ao coñecemento global do modelo.
No estudo, que será presentado en breve na súa totalidade, avánzanse unha serie de datos de interese sobre os hábitos relativos ao crowdfunding. Así, dise, o perfil maioritario dos autores que apostan polo micromecenado en liña é o de artistas ou creadores profesionais. “Sumados a xestores culturais, dinamizadores sociais e unha mestura de perfís, son a maioría dos autores con proxectos crowdfundeados”, explícase. Segundo fan saber dende Verkami, esta información rompe en boa medida coas crenzas máis afianzadas sobre estas prácticas, xa que existía a percepción de que o crowdfunding era o financiamento á que recorrían os autores cando se lles pecharan todas as portas. Porén, en realidade, é todo o contrario. Así, explícase, a gran maioría dos autores apoiados por micromecenas na Rede non tentaron recorrer a outras fontes de financiamento antes que ao crowdfunding: esta foi a súa primeira opción desde un principio.
En canto ás impresións post-campaña, case a totalidade dos autores consideran que levar a cabo unha campaña foi unha experiencia gratificante que lles permitirá realizar novos proxectos cunha mellor rede de contactos e experiencia. Ademais, preto de 2/3 salientan que realizar a campaña serviulles para aumentar a popularidade do proxecto, para chegar a un público ao que doutra forma non chegarían e para crear un vencello especial co público interesado no proxecto.
Verkami celebra os seus 3.000 proxectos crowdfundeados
Compartir Este Artigo
