Hubbl, plataforma en liña de entrega de paquetería nocturna, lanzou os días pasados unha nova aplicación para posibilitar aos usuarios programaren as entregas dos seus pedidos vía Internet e facer o seguimento das mesmas a través dos seus dispositivos. Segundo fai saber a compañía, a idea era facilitar ao máximo o proceso de entrega, contrarrestando o elevado índice de pedidos que chegan aos fogares cando os propietarios están ausentes, coas consecuencias que isto adoita ter para quen pide (solicitar reenvío ou mesmo facer un desprazamento ao centro de mensaxería) e tamén para quen reparte (que acudiu a un destino en balde). A aplicación nova de Hubbl foi desenvolvida precisamente para evitar este tipo de cousas.
Unha das principais vantaxes da app, sinala a empresa, é que permite ao usuario decidir cando e onde quere recibir os paquetes grazas ao servizo de mensaxería á carta de Hubbl, que posibilita realizar entregas desde as 18h ata as 24h (en franxas dunha hora) de luns a domingo. Ademais de programar a data, a aplicación gratuíta Hubbl envía ao usuario notificacións sobre o estado do seu pedido, e sen publicidade, indicando se se atopa en repartición, entregado ou en tránsito, entre outros.
“O cliente”, engaden dende a empresa, “poderá realizar seguimentos ilimitados de máis de 200 compañías de mensaxería coas que as tendas en liñpa traballan”. A función de rastrexo está dispoñible en todo o territorio estatal, non así as entregas a través da aplicación, que operan polo de agora en Barcelona. O funcionamento da aplicación é este: o usuario pide calquera produto en liña e envíao á dirección de Hubbl; cando o recibe, a compañía avisa ao cliente para que elixa desde ese mesmo día cando e onde quere recibir o paquete. O custo do servizo é de catro euros e a app está accesible para iOS, en español e inglés.
Hubbl lanza app para programar recepcións de paquetería dende o dispositivo
Compartir Este Artigo
