Hoxe celebrouse en Vigo un encontro organizado para celebrar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e, a maiores, facer debate arredor do presente das TIC, de como estas inflúen nos restantes sectores e de que recursos cómpre mover para asegurar o máximo desenvolvemento das novas tecnoloxías na nosa terra (á par que a máxima empregabilidade). A Xornada Telecomunicacións e TIC: impulsoras da innovación veu da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo (EET) e da asociación Ineo. Celebrouse no salón de graos da dita escola.
A xornada foi inaugurada ás 11.30 horas polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que estivo acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro; e Jorge Cebreiros, que neste mesmo acto deu paso ao novo presidente de Ineo, Carlos Conde.
Como dixemos, a actividade inseriuse nas actuacións que o COETG organiza cada ano con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e estivo aberto a todos os profesionais galegos do sector TIC. Consistiu nunha mesa de debate co obxectivo de reflexionar sobre como as TIC impulsan o desenvolvemento da innovación no resto de sectores. Moderada por Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, contou coa participación do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro; a directora xeral de INEO, Lucía Gregorio; o director xeral de Gradiant, David Vázquez; e o director de Electrónica e Sistemas Intelixentes do CTAG, Francisco Sánchez.
O decano do COETG sinalou que “as TIC son o sector de actividade con meirande impacto na produtividade e o crecemento e ademais impulsan a innovación”. A maiores, engadiu que “os enxeñeiros de telecomunicación xogan un papel fundamental na innovación das empresas galegas, xa que son o motor das Telecomunicacións e as TIC”.
Pola súa banda, a directora xeral de Ineo, Lucía Gregorio fixo saber que as novas ferramentas “cambiaron o propio concepto de como facemos negocio” e cada vez é máis difícil atopar sectores ou produtos que non empreguen estas tecnoloxías, xa que todos están obrigados a “innovar e dar ao cliente o que quere”.
Doutra man, o director xeral de Gradiant, David Vázquez salientou o papel que desempeñan os centros tecnolóxicos no eido empresarial e destacou as tendencias máis innovadoras no sector das novas tecnoloxías da información e a maneira en que inciden na innovación doutros sectores.
O director de Electrónica e Sistemas Intelixentes do CTAG, Francisco Sánchez, falou da incorporación das tecnoloxías ao centro do que é responsable e as liñas que desenvolveu o mesmo arredor delas no sector da automoción. A mesa rematou cunha xeira de preguntas e respostas en formato aberto, e tamén cun resumo das principais conclusións realizado por Íñigo Cuíñas. Este resaltou “o papel fundamental das Telecomunicacións e as TIC nos profundos cambios sociais que se produciron na última década e tamén na innovación actual e futura no mundo industrial”. Destacou tamén “a necesidade de titulados profesionais do ámbito non só en empresas TIC, como ocorría ata hai pouco, senón en todos os sectores industriais”.
Os nosos profesionais amosan en Vigo a capacidade das novas tecnoloxías para impulsar innovación
Compartir Este Artigo
