O Centro Demostrador TIC (CDTIC) acollerá o vindeiro día 4 de xuño unha xornada divulgativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) sobre as oportunidades dos certificados de experiencia profesional e o potencial da gamificación.
Esta actividade está dirixida a profesionais do eido da informática interesados en certificar a súa experiencia profesional ea estudantes ou futuros estudantes de titulacións universitarias ou de ciclos formativos de informática e profesionais interesados na gamificación.
Por un lado, presentarase o servizo CEPRAL, que lles permite aos profesionais do sector obter unha certificación da experiencia profesional, admitida ademais para o recoñecemento de créditos nos estudos universitarios de Informática, recoñecemento que xa outorgan as tres universidades galegas e a Universidade Oberta de Cataluña (UOC), grazas aos acordos que asinou o CPETIG con estes catro centros docentes.
Por outra parte, realizarase un achegamento a unha das materias no ámbito profesional de maior expectación na última década: a gamificación.
Esta xornada será impartida polo doutor enxeñeiro e director do Programa de Enxeñaría Informática dos estudos de Enxeñaría Informática, Multimedia e Telecomunicación da UOC, Daniel Riera, e polo enxeñeiro técnico en Informática e presidente do CPETIG e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría Técnica Informática, Marcos J. Mata.
PROGRAMA
– 16:00 – 16:10 – Presentación da xornada
– 16:10 – 17:10 – O certificado de experiencia profesional CEPRAL: Oportunidades do certificado CEPRAL para estudantes: A experiencia da UOC
– 17:10 – 17:20 – Rolda de preguntas
– 17:20 – 17:30 – Descanso
– 17:30 – 19:40 – Por que a gamificación necesita da informática? Virtudes e perigos
– 19:40 – 20:00 – Rolda de preguntas
