Este mércores 3 de xuño a Factoría da Innovación da Coruña celebra no Pazo de Mariñán (Bergondo) unha nova sesión demostrativa (e participativa) sobre o alcance das tecnoloxías e as redes de tipo social para axudarnos a converter a nosa empresa en referente. A cita, que dará comezo ás 17.00 horas, servirá polo tanto para “avaliar as posibilidades da Rede 2.0 e as redes sociais para consolidar a imaxe de marca da nosa PEME”, informa a organización. A xornada está dirixida a todo tipo de empresas que precisen afondar na súa estratexia de mercadotecnia en liña e no uso de ferramentas de emprego estendido. A sesión desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: A túa empresa en Internet… Web e Redes feitas para ti.
Segundo fai saber a Factoría acerca das motivacións que alentan a xornada, “a comunicación é hoxe en día unha ferramenta clave e todo indica que cada vez cobrará meirande relevancia dentro da estratexia empresarial; por este motivo é fundamental crear unha imaxe sólida de marca que se poida visualizar nos múltiples dispositivos existentes e que, á súa vez, estean conectados uns aos outros a través dunha rede que funcione as 24 horas dos 365 días do ano”.
A sesión no Pazo de Mariñán contará coa presenza de María Regueiro, directora executiva da axencia Asubía, que amosará a súa experiencia en desenvolvemento de marca e punto de venda. Tamén participarán María Santiago (Factoría da Innovación da Coruña) facendo un percorrido polas posibilidades de Facebook en materia de promoción e mercadotecnia, e máis David Barajas, de Esgalla Creacións, falando da necesidade de optimizar ao máximo as posibilidades da nosa web.
Programa
16:45h. Rexistro de asistentes e presentación
17:00h. Reencontro cara á innovación útil
Mariem Filgueira. Factoría de Innovación da Coruña.
17:10h. A túa empresa no mundo real e no dixital
María Santiago. Factoría de Innovación da Coruña.
17:30h. Que é o branding? Como consigo crear marca?
María Regueiro. Asubía
18:00h. Trucos de Facebook, descubrir todo o seu potencial
María Santiago. Factoría de Innovación da Coruña.
18:30h. Pausa para o café
19:00h. A túa web, o teu escaparate virtual
David Barajas. Esgalla Creacións S.C
19:30h. Estar na rede, consellos útiles postos en práctica
David Barajas. Esgalla Creacións S.C
