Este mércores 10 de xuño a empresa de comunicación gráfica Tórculo, emprazada no Polígono de Tambre (Santiago) abre as súas portas para amosar perante os profesionais galegos “as posibilidades da impresión dixital no mundo da creación artística e o deseño”. A xornada, que está prevista para as 19.00 horas, xirará arredor das tendencias actuais en deseño e “de como inflúen no noso día a día”, sinalan fontes de Tórculo, que para esta cita conta co apoio da compañía Canon e, intervindo directamente na xornada, de Creatividade Galega, Briefing Galego e do deseñador arxentino-catalán América Sánchez, que impartirá unha charla.
O relatorio de América Sánchez (o seu verdadeiro nome é Juan Carlos Pérez Sánchez) abrirá a xeira de actividades, desenvolvéndose a charla-coloquio baixo o seguinte epígrafe: Novas e actuais tendencias en deseño. Considerado un dos máis reputados profesionais mundiais do deseño gráfico, América é tamén un experimentado investigador nas novas posibilidades do mesmo, centrando as posibilidades do dixital boa parte do seu traballo recente de comunicador e creador. De feito, serán as potencialidades das novas ferramentas as que sirvan de columna vertebral ao seu relatorio en Santiago.
Logo da intervención de América Sánchez, sinala Tórculo, os asistentes poderán descubrir o que ofrece a tecnoloxía dixital, “experimentando cos seus deseños e creacións coa posibilidade de probar os soportes de impresión máis innovadores, coñecendo de primeira man as últimas novidades en comunicación gráfica para o mercado galego”.
O reputado deseñador América Sánchez participa nas xornadas dixitais de Tórculo
Compartir Este Artigo
