Aínda non chegamos ao punto en que nos pareza do máis normal que un festival de cinema se desenvolva na Rede, pero tamén é certo que xa deixamos atrás boa parte da estrañeza dos primeiros tempos por este tipo de cousas. Na nosa terra, de feito, mesmo podemos gabarnos xa de contar cun evento específico adicado ás webseries (o Interplay de Carballo), e contar con esta experiencia pioneira axudou en boa medida a achandarnos o camiño e a aceptar como natural que se celebre (agora) algo como Atlántida Film Fest, un festival que non ten sedes físicas nin pantallas ao uso con xente facendo fileiras para sacar entrada, senón que se celebra a través da plataforma en liña Filmin. E xa vai pola quinta convocatoria!
O certame en cuestión abriu portas (é un dicir) este 9 de xuño e ficará con elas abertas máis ou menos un mes. Ao longo deste tempo, poderán verse máis de 60 títulos (dos que 20 son estreas absolutas en España) e asistir a dúas actividades presenciais en Barcelona: un obradoiro sobre propaganda con Anna Broinowski (directora da película Aim High in Creation) e un espazo de experimentación musical da man do festival Sónar (contándose con relatores como Rutger Wolfson, director do festival de cinema de Róterdan durante oito anos; os principais responsables da plataforma de micromecenado Kickstarter ou Jeremy Boxer, director creativo de Vimeo). Este encontro de experimentación celebrarase o 18, 19 e 20 de xullo, coincidindo co propio Sónar.
Volvendo ao miolo de Atlántida Film Fest, sinalar que o obxectivo orixinario foi darlle acubilla filmes do ámbito estatal que o tiveran especialmente complicado para chegar aos espectadores. A partir de aí fóronse incorporando estratexias e novos retos en sucesivas edicións, sendo o gran obxectivo de hoxe amosar aos seareiros do audiovisual as obras máis referenciais da “nova maneira de facer cinema”, sinalan dende Filmin, que lembran que este ano poderemos ver filmes como Children 404 (Askold Kurov e Pavel Loparev, 2014), The UK Gold (Mark Donne, 2013), Caseta By for Tape Back-Up (Ross Sutherland, 2015), Pas a Gèneve (Lacasinegra, 2014), A Girl Walks Home Alone at Night (Ana Lily Amirpour, 2014) ou Beyond Clueless (Charlie Lyne, 2014).
Comeza na plataforma Filmin unha nova edición do certame en liña Atlántida Film Fest
Compartir Este Artigo
