O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) deu a coñecer este 10 de xuño a quen vai ir dar o seu recoñecemento Colexiado de Honra: será para Miguel Ángel Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega de Ciencias. A distinción farase oficial durante o transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o vindeiro día 26 de xuño en Santiago de Compostela. “Entre os moitos méritos para obter o recoñecemento das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos”, explican os membros do xurado dos galardóns do CPEIG, “atópase o de ter sido pioneiro no uso da Informática na investigación en Galicia e impulsor da súa implantación na actividade científica galega”.
Miguel Ángel Ríos Fernández é licenciado e doutor en Ciencias Químicas pola universidade compostelá, especializouse en Química Cuántica na Universidade de Kent (Gran Bretaña) e iniciou a investigación sobre esta especialidade en Galicia.
Segundo lembra o CPEIG, foi pola súa especialidade en investigación polo que incorporou a finais da década dos 60 a informática como “ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do seu traballo”. A programación en Fortran e a procura de capacidade de computación pasou a ocupar o seu tempo e preocupación.
O novo colexiado de honra do CPEIG foi o primeiro director do primeiro Centro de Cálculo da Universidade Galega (USC) e responsable do primeiro computador de cálculo vectorial instalado en Galicia. Exerceu tamén como secretario xeral de I+D da Xunta e presidiu o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Dende o ano 2010 é o presidente da Real Academia Galega de Ciencias.
Miguel Ángel Ríos Fernández, elixido colexiado de honra do CPEIG
Compartir Este Artigo
