O vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Juan Otero Pombo, participará no curso da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) Xustiza, Prensa e Sociedade. A actividade, que se vai celebrar do 15 ao 19 de xuño na Facultade de Dereito de Ourense, xirará arredor das relacións entre o ámbito xudicial e os medios de comunicación, e do papel que xoga a cidadanía nestes tres vértices a través dos que flúe (e non sempre axeitadamente) a información. A presenza de Otero Pombo fornecerá ao curso dunha óptica tecnolóxica.
De feito, o vicepresidente do CPEIG será un dos expertos da mesa redonda As redes sociais: a nova fogueira pública? O debate desenvolverase o martes 16 de 19.00 a 21.00 horas, coa presenza de representantes da Asociación de Criminólogos de Galicia, o avogado Miguel Diéguez e a profesora e directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Ana Garriga. As persoas colexiadas do CPEIG que desexen asistir a esta acción formativa gozan dunha matrícula especial de 40 euros. No caso de seren estudantes o prezo é de 35 euros, e de 25 euros para as persoas desempregadas ou con discapacidade.
Como dixemos, o obxectivo do curso é analizar a información xudicial ao alcance dos medios de comunicación e dos cidadáns; o tratamento informativo de casos que involucran causas de alto impacto mediático e as novas esixencias da Sociedade da Información. Para abordar estes temas, a UNED reuniu expertos de recoñecido prestixio nos eidos da política, o xornalismo, a xustiza, a informática e a universidade. Así, cómpre salientar a presenza do xuíz da Audiencia Nacional, Fernando Andreu, quen pechará o curso o venres 19.
As persoas interesadas en obter máis información desta iniciativa poden obtela a través da ligazón específica habilitada pola UNED.
O CPEIG participa nun curso da Universidade a Distancia sobre o papel que xogan as TIC en causas xudiciais
Compartir Este Artigo
