Coa finalidade de informar acerca das facetas máis salientables da normativa de protección de datos, da Administración Electrónica Xudicial e das vantaxes da incorporación das TIC nos procedementos xudiciais, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, organiza os Seminarios sobre Protección de Datos e Administración de Xustiza e Expediente Electrónico na Administración de Xustiza, que se desenvolven en Santiago de Compostela o día 17 de xuño, na sede da Escola de Administración Pública (EGAP), a partir das 16.00 horas; e en Ourense, o día 18 de xuño, na Facultade de Dereito, a partir da mesma hora.
As actividades contarán coa dirección técnica de Víctor Salgado, avogado especialista en lexislación sobre o proceso de datos. O CPETIG organiza estas xornadas destinadas a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e outros funcionarios que realizan trámites na Administración de Xustiza en Galicia.
Nestes seminarios, cofinanciados pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), abordaranse distintos aspectos da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de carácter persoal (LOPD), así como a Lei 18/2011, de 5 de xullo, reguladora do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na Administración de Xustiza, co obxectivo “de dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que se incrementa a seguridade e a eficiencia na administración xudicial co uso de novas ferramentas electrónicas avanzadas”.
Protección de datos persoais
O primeiro dos relatorios previstos nos seminarios correrá a cargo do avogado Víctor Salgado, que disertará sobre os principios da LOPD. Explicará conceptos como que é un dato e un ficheiro, as obrigas do responsable dos ficheiros, o consentimento dos afectados, o deber de información no tratamento de datos, os dereitos dos titulares dos mesmos, a cesión e comunicación de datos e as infraccións e sancións.
Máis tarde centrará a súa intervención nas medidas de seguridade esixibles aos ficheiros de información persoal. Pechará o seu relatorio centrándose nalgúns aspectos prácticos da aplicación da LOPD na Administración de Xustiza.
O segundo dos relatorios correrá a cargo en Santiago de Compostela do secretario coordinador provincial de Pontevedra, Eduardo A. Sánchez Tato, e na cidade de Ourense do presidente da Audiencia Provincial Antonio Piña Alonso, e en ambas cidades contarase coa presenza do fiscal xefe provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, centrándose a actividade na Administración de Xustiza electrónica para achegar unha aproximación á Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora da información e a comunicación na Administración de Xustiza, LUTICAJ.
Segundo informa o CPETIG, neste segundo relatorio dos seminarios, Eduardo A. Sánchez Tato, Antonio Piña Alonso e Juan Carlos Aladro falarán do procedemento xudicial electrónico: casos prácticos de implantación. Máis en detalle, os xuristas exporán a experiencia na implantación da Administración Xudicial Electrónica en Galicia, referíndose ás ferramentas da Xustiza Electrónica, á implantación en xulgados e tribunais e ás perspectivas de futuro e recomendacións.
O CPETIG organiza esta semana dous seminarios sobre a Administración Electrónica de Xustiza
Compartir Este Artigo
