Os responsables da Factoría de Innovación de Vigo fixeron reconto este luns da actividade fornecida dende o centro de divulgación, adestramento e emprendemento. Máis polo miúdo, do producido na segunda edición da Factoría. Segundo informaron, ao longo da súa andaina agromaron 60 proxectos de innovación, 42 de carácter individual e 12 froito da cooperación entre distintas empresas, dos que nove foron presentados a programas públicos de Investigación e Desenvolvemento. Como recordaremos, a Factoría veu da man da Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, do consorcio da Zona Franca e da Universidade de Vigo. O seu obxectivo non foi outro que axudar a que as ideas dos nosos novos empresarios e profesionais se converteran en realidades.
A xornada de clausura celebrouse este luns Consorcio da Zona Franca e contou coa participación da delegada do Estado, Teresa Pedrosa; do reitor, Salustiano Mato, e do director da Área de Desenvolvemento de PEME da Escola de Organización Industrial, Javier Benito.
Segundo fixeron saber, os novos 60 proxectos de I+D+i foron desenvolvidos por 36 empresas de distintos sectores (servizos, construción, naval, alimentación, novas tecnoloxías, enxeñaría, téxtil…) que participaron no Programa de Adestramento Individualizado. “Este”, engadiron, “implicou máis máis de 1.300 horas de consultaría, distribuídas en 252 sesións de traballo individualizado, nove sesións de grupo e 285 horas de seguimento semanal remoto”. E engadiron: “En xeral, as empresas deseñaron plans de innovación centrados nas mellora dos seus produtos e procesos, na modernización e optimización da súa xestión,na apertura de novas liñas de negocio e novos nichos de mercado, na dixitalización dos seus servizos ou no incremento do volume de negocio”.
En total, dende o inicio da actividade en 2012 concorreron na Factoría ata 64 empresas, poñendo en marcha 79 proxectos innovadores. A estas cifras cómpre sumar a dos 1.300 profesionais de distintos sectores que tiveron tamén a oportunidade de asistir a diferentes xornadas de carácter aberto.
Até 60 proxectos agromaron da segunda edición da Factoría de Innovación de Vigo
Compartir Este Artigo

