Finalmente celebrouse esta semana no Consello da Cultura Galega (Santiago) a última sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020, un programa de actividades coordinado por Xosé López, dirixido a amosar o papel que desenvolve a cultura nas estratexias europeas. A derradeira sesión contou coa presenza de de José Teixeira, profesor de política cultural da Universidade de São Paulo, quen falou do mercado, da industria cultural e dos seus retos nunha sociedade do coñecemento plenamente inserida nas plataformas 2.0 e no emprego estendido dos dispositivos móbiles. Teixeira, informa o CCG, debuxou o contexto actual das políticas culturais condicionadas pola mediación tecnolóxica que transforma o mercado e a cidadanía cada vez máis saturada de contidos.
Boa parte do relatorio do profesor brasileiro centrouse nos omnipresentes dispositivos smartphones, aos que chamou “segundo cerebro do home do século 21 e que o home leva na súa man”. Ao seu xuízo, a mediación tecnolóxica “condiciona tanto o mercado como a industria” ao tempo que achega á cidadanía unha cantidade inxente de contidos, máis dos que pode consumir (“acúmulos culturais”, dixo) e no que tamén se perden os mediadores entre os produtores culturais e a masa. E engadiu: “A cultura é, cada vez máis, parte integrante do sistema de produción da economía”. O seu relatorio, por certo, desenvolveuse baixo o epígrafe Desafíos da cultura no ecosistema comunicativo do século XXI. Nel tamén abordou outras cuestións como a viralidade e a utopía cultural.
Na xornada tamén participaron arreo Paz Castro, da editorial Kalandraka; Emma Lustres, da produtora Vaca Films e Asunta Rodríguez, responsable da Galería Trinta, que falaron en detalle das súas experiencias persoais. Paz Castro debuxou o proceso de espallamento e medre da editorial galega, nada en 1989 para dedicarase ao álbum ilustrado, e que agora conta con selos en varios países e participa nas feiras sectoriais máis importantes do mundo. Da industria cinematográfica falou Emma Lustres, que denunciou “a falta dunha uniformidade de políticas culturais en toda Europa, cunha política fiscal para o cinema con grandes diferenzas e que puxo a Francia como modelo de traballo”. Asunta Rodríguez, pola súa banda, falou “das contradicións do mundo da arte contemporánea a día de hoxe, onde o exceso de información converteuse en falta de información, no que a internacionalización derivou nunha perda do valor do local cunha redución drástica dos orzamentos xustificados pola crise”.
Expertas reunidas polo CCG afirman que a Sociedade da Información dá máis datos dos que podemos consumir
Compartir Este Artigo

