A Universidade de Santiago, a través da décimo quinta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade, entregaba onte na reitoría compostelá os seus galardóns. Así, a spin-off do grupo de Robótica da USC Situm Technologies foi a proposta premiada na modalidade de Base Tecnolóxica. Trátase dunha tecnoloxía de localización de smartphones en interiores de grandes edificios onde a tecnoloxía GPS non funciona. Integran o equipo promotor Víctor Álvarez Santos, Adrián Canedo Rodríguez e Cristina Gamallo Solórzano.
O premio Muller Emprendedora recaeu en Adica, Networking Psicoeducativo e Psicoxerontolóxico, spin-off do grupo Aspectos evolutivos e intervención psicoeducativa da USC. Ocon esta achega téntase trasladar á sociedade mediante a prestación de servizos profesionais, os coñecementos adquiridos en canto a técnicas de detección e tratamento de problemas de aprendizaxe (dislexia, disortografía ou déficit de atención). Promoven este proxecto Rosa Mª Rivas, Santiago López Gómez, Mónica González Blanco e María Picos Rubido.
Na nova modalidade Promoción da Lingua Galega resultou gañador Nostracker, proxecto empresarial aínda non constituído que se adicará ao desenvolvemento de ferramentas que facer seguimento de redes sociais, blogs e medios de comunicación para medir e avaliar o contido que publican usuarios/as sobre empresas. O galego será a lingua principal na comunicación corporativa e nas campañas de publicidade desta iniciativa proposta por Iván Dobarro e Cruz Negreira.
Qubiotech Health Intelligence foi o seleccionado na modalidade premio Empresa Nova, e xorde no seo do grupo de investigación asociado ao Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico Universitario de Santiago como unha empresa adicada ao desenvolvemento de novas ferramentas tecno-informáticas de análise de imaxe e xestión da información asociada para mellorar a diagnose, o tratamento e o seguimento médico. O equipo promotor desta proposta confórmano Pedro Arenas Barreiro, Pablo Aguiar Fernández e Jesús Silva Rodríguez.
E cal é o obxectivo desta 15ª edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC? Pois impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantado, tituladas e titulados e persoal investigador, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. O xurado outorgou os premios atendendo á viabilidade dos proxectos, ao grao de innovación do produto/proceso/servizo ofertado, ao volume de emprego proxectado, ao carácter multidisplinar do equipo promotor, á presenza de políticas de igualdade e á relación ou interese do proxecto coa lingua galega.
En canto aos premios, dicir que son catro: un de base tecnolóxica, dotado con 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante empréstamos participativos; un na modalidade de Empresa Nova e outro na de Muller emprendedora, dotados con 2.000 euros cada un, e un cuarto na modalidade Promoción da lingua galega, que suporá unha achega económica de 1.000 euros.
Situm, premiada pola USC no seu concurso de iniciativas innovadoras
Compartir Este Artigo

