A Asociación de Novos Empresarios de Vigo (AJE Vigo) conmemorou este xoves o seu 20 aniversario cunha gran xornada na que participaron amosando os seus proxectos (precisamente) novos empresarios locais referentes en innovación e espírito creativo. Asemade, o encontro serviu para expoñer os retos aos que se enfrontan hoxe en día os emprendedores e as diferenzas con respecto do intre no que se puxo en marcha AJE en Vigo, na década dos noventa. O acto contou coa presenza do alcalde, Abel Caballero, e máis co presidente saínte da asociación, Rubén Hermida, que aproveitou para salientar “os principais valores da asociación”, que son a transparencia e a denuncia continua de situacións de abuso.
O evento contou coa participación do vigués José del Barrio, fundador de La Nevera Roja, portal referente en España no ámbito da comida a domicilio, unha iniciativa tecnolóxico-gastronómica que foi quen de superar a liña dos 25 millóns de euros en vendas e que recentemente foi noticia ao ter sido mercada polo xigante Rocket Internet por 80 millóns de euros. Segundo fixo saber o empresario, das numerosas claves que aprendeu á hora de pór en marcha o seu proxecto, a máis importante foi o valor “do equipo humano”, non só dos traballadores senón tamén dos investidores e quen lle deron o seu apoio”. E engadiu: “As persoas son a parte fundamental que permite que te ergas todas as veces que caias”. Asemade, sinalou a importancia de validar canto antes un proxecto importante que teñamos entre mans, “pasarmos da realidade aos feitos e vermos na realidade se acertamos ou non coa idea”.
A xornada tamén contou coa presenza de Xoán Martínez, director xeral de Kaleido (loxística innovadora), e Francisco Rivas, director de Rodman (embarcacións innovadoras de recreo e pesca) nos anos 90. Os dous relatores avaliaron as diferenzas entre a contorna económica daquela década respecto das esixencias da actual. Tanto Martínez como Rivas coincidiron con Del Barrio en que o talento e o equipo humano son pezas clave no éxito da empresa. No caso de Kaleido, Xoán Martínez subliñou que o seu equipo é o motor que converteu a esta empresa viguesa “nun proxecto sólido e pioneiro capaz de competir no exterior, unha compañía que conta xa con seis oficinas fóra de España, e é colaboradora de máis de 50 axencias e dispón de 300 especialistas en todo o mundo”. Pola súa banda, Francisco Rivas manifestou que o talento “debe nutrirse cunha meirande colaboración das empresas coa universidade e criticou o feito de que aínda non exista un verdadeiro liderado dos empresarios pola excesiva dependencia do tecido empresarial español coa Administración e as axudas públicas”.
Emprendedores locais locen músculo innovador na celebración dos 20 anos de AJE Vigo
Compartir Este Artigo

