O presidente Alberto Núñez Feijoo, avanzou hoxe na rolda de prensa tras o Consello da Xunta que o novo Plan de impulso ao comercio, dotado con 70 millóns de euros, permitirá completar a renovación do sector comercial, impulsar o comercio electrónico e potenciar a excelencia como trazo diferenciado do comercio galego.
Este Plan pretende incrementar un 15% o volume de emprendedores que traballan no sector, ata chegar a máis de 60.000 no ano 2020, recuperándose así o número que había ao inicio da crise económica; triplicarase a porcentaxe de empresas de menos de dez empregados que vendan na Internet, alcanzando un 14% dos pequenos comercios que sexan capaces de estar na Rede; e incrementarase nun 10% o número de comercios que se asocien para competir, chegando á cifra de 20.000.
No relativo ao obxectivo darlle pulo ao comercio electrónico, o Goberno galego vai dirixir a maior parte dos recursos do Plan, o 40%, á potenciación dun novo modelo de comercio co fin de impulsar novas fórmulas de comercialización dos produtos así como a mellora do deseño e a presentación dos mesmos. Para logralo, poranse en marcha unha bolsa de ideas de comercialización de produto co obxectivo de convertelas en iniciativas viables, crearase un programa piloto de innovación en formatos comerciais no eido das novas tecnoloxías e apoiarase o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas para impulsar o comercio electrónico, así como axudas para modernizar a imaxe dos establecementos comerciais, os centros comerciais abertos e as prazas de abastos. Ademais, entre as accións que se desenvolverán de forma máis inmediata está a activación de axudas para o desenvolvemento de aplicacións e de webs móbiles para os comercios.
Plan director de Seguridade 2015-2020
Feijoo tamén salientou a aprobación do Plan Director de Seguridade 2015-2020; un conxunto de medidas que buscan o uso das TIC con confidencialidade, blindando a integridade e autenticidade da información e garantindo a súa dispoñibilidade. “É dicir, un conxunto de medidas para minimizar o impacto de incidentes de seguridade, e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego deste tipo de servizos, especialmente no que ten que ver coa Administración electrónica”, explicou o presidente na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, na que tamén afirmou que este plan nace despois dun traballo de coordinación interna, “xa que se aprobou no seo da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, un órgano que está integrado por todas as consellerías”; e de coordinación externa, “para que a nosa folla de ruta sexa coherente coa Estratexia Nacional de Ciberseguridade aprobada en 2013 polo Goberno central”.
Esta iniciativa traza varios ámbitos de actuación (formativo, normativo e organizativo), que implican a todos os organismos da Xunta, e que tamén serán referencia daquelas outras entidades públicas autonómicas que queiran empregala.
Sobre as medidas de protección, Feijoo destacou que, en canto ás infraestruturas, reforzaranse os sistemas de control de acceso e vixilancia. E, respecto aos sistemas TIC, ao longo de 2015 implantaranse novas plataformas especializadas na protección e prevención de ciberataques.
Así mesmo e, no medio prazo, abordaranse outras actuacións como a mellora de plataformas específicas de seguridade e a implantación doutras novas, a mellora na seguridade das redes sen fíos ou nos dispositivos móbiles corporativos.

