
Na xornada de presentación, dirixida sobre todo a PEME, emprendedores e autónomos, fíxose fincapé (para comezar) na orixe da plataforma: trátase dun servizo en liña creado polas Cámaras para facilitar ao acceso ao crédito e cofinanciado pola Unión Europea a través de FEDER, ofrecendo aos usuarios asesoramento personalizado e información das opcións de financiamento público, privado e novos mecanismos emerxentes, como o crowdfunding.
Os usuarios da plataforma, fíxose saber, poderán atopar en tempo real toda a oferta de financiamento que ofrece o mercado, ben sexa pública ou privada, local, autonómica, nacional ou europea.
Ademais, os empresarios terán a súa disposición “todo un conxunto de servizos personalizados pensados para mellorar a súa cultura financeira, co apoio da asistencia técnica dun conxunto de expertos das Cámaras de Comercio”. Os beneficiarios, a maiores, “poderán usar tamén os servizos de consultoría e asesoramento que se ofrecen desde a plataforma, como son os diagnósticos económicos e financeiros do estado da empresa, a presentación de documentación no banco, elaboración de plans de negocio ou o acompañamento na busca de financiamento”.
Respecto dos participantes no evento no que se enmarcou a presentación, sinalar que o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, foi o encargado de inaugurar a xornada, xunto con Miriam Vicente, membro do departamento Económico-Financeiro de Cámara de España. Asorey explicou que actualmente as Cámaras de Comercio están a desenvolver servizos e produtos de “alto valor competitivo” para reforzar a viabilidade das empresas de recente creación. E engadiu: “Estamos na fase de formar e capacitar, de colaborar activamente cámaras, empresas e universidades, de esixir simplificación administrativa e aprender a financiarnos para non vernos obrigados a abandonar”.
Pola súa banda, o director da Área Económica Pyme-Finance, Tono Mestre, ofreceu un relatorio sobre os novos recursos para acceder ao financiamento empresarial. A continuación, celebrouse unha mesa redonda titulada Moita liquidez e pouco financiamento na que participaron o subdirector de información do IGAPE, Curro López; a xerente de Investimentos de Unirisco Galicia, Yolanda Falcón; o director da Oficina de Empresas de Santiago de Abanca, José Antonio Paz; o delegado de Financiamento de Empresas da Dirección Territorial do Noroeste de SabadellGallego, Carlos Ferreiro; e o responsable de Financiamento Especializado de Empresas da Dirección Territorial de Banco Pastor, Rafael Lomba; ademais da co-fundadora da plataforma Grow.ly, Mireia Badia, e o director comercial de Afigal, Gonzalo González.
Dentro desta xornada, a Cámara de Comercio de Santiago acollerá pola tarde, entre as 17:00 e as 18:30 horas, un obradoiro práctico sobre como seducir a un banco cun proxecto empresarial, titulado Como reforzar a miña posición ante o banco?. O obradoiro está dirixido a PEME, autónomos e emprendedores que buscan financiamento para os seus proxectos e negocios.
A última hora celebrarase un after work na Cantina da Curtidoría de Santiago (rúa Doutor Teixeiro, 28). Os emprendedores reuniranse para escoitar e buscar solucións ao financiamento dos seus proxectos, compartindo as súas experiencias con outros novos empresarios, “mentres gozan dun momento de lecer e relaxación”, avanzan fontes da entidade cameral compostelá.
A Cámara de Santiago presenta Aprendeafinanciarte.com
Compartir Este Artigo

