Segundo un informe encargado pola senlleira web de viaxes TripAdvisor, o uso do móbil por parte dos viaxeiros está en aumento, e non só como ferramenta básica de comunicación. O dito estudo, inserido no informe TripBarometer Viaxeiro Conectado, tira como conclusión que o 45% dos viaxeiros conectados xeralmente emprega o seu dispositivo intelixente para reservar actividades durante unha viaxe, case tres cuartas partes (72%) para buscar restaurantes durante as vacacións, e un terzo dos viaxeiros conectados (34%) queren que o seu aloxamento ofreza o check-in no móbil. E que se entende por viaxeiro conectado? Pois son aqueles que se serviron dun smartphone para planificar ou reservar unha viaxe.
A enquisa, realizada para TripAdvisor pola firma independente de investigación Ipsos, presentou máis de 44.000 respostas globais de viaxeiros e o sector hostaleiro.
Na investigación dise que as apps móbiles son cada vez máis populares como canle de reserva. As persoas que as usan para reservar o seu aloxamento duplicouse con respecto ao ano anterior. En 2014, o 4% dos enquisados por TripBarometer reservou o seu aloxamento mediante unha app móbil. Ademais, 1 de cada 5 viaxeiros conectados di que reservou a través dunha destas ferramentas porque ofrecía un acceso máis doado ou máis rápido, e o 29% considerou que acadou un mellor prezo.
“Os viaxeiros conectados”, sinálase, “teñen o dobre de probabilidades que os viaxeiros globais de facer reservas relacionadas coas viaxes a través dun dispositivo móbil”. Os portátiles e computadores seguen sendo os dispositivos máis utilizados para as reservas de hotel, cun 50% deste tipo de novos turistas usando portátil e un 32% que usa un PC para reservar o aloxamento para a súa viaxe. Pero o interesante é que o 12% dos viaxeiros conectados reservou o seu aloxamento a través dun smartphone, en comparación co 6% dos viaxeiros globais.
A tendencia de reservar a través de plataformas móbiles é aínda máis evidente cando se trata de actividades, onde o dispositivo intelixente convértese na segunda tecnoloxía máis popular de reserva despois dos computadores portátiles. Así, o 45% dos viaxeiros conectados di que usa o seu smartphone para reservar actividades para a súa viaxe, mentres que un 55% usa un portátil. A maiores, só o 28% dos viaxeiros globais usa o seu smartphone para reservar cousas que facer antes dunha viaxe.
América do Sur ten a maior proporción de viaxeiros conectados, cun 57% dos enquisados en TripBarometer. Oriente Medio (55%) e Asia (49%) séguenlle de preto. Con todo, mirando os distintos países, Tailandia e China lideran a tendencia, cun 65% dos tailandeses e chineses enquisados identificados coa devandita etiqueta turística. No caso de España, máis da metade dos turistas (52%) pertence ao grupo de viaxeiros conectados, a maior porcentaxe de Europa. Ademais, máis da metade (53%) de todos os turistas mundiais que planean unha visita a España nos vindeiros 12 meses son turistas “en liña”.
Dispárase o uso dos dispositivos móbiles entre os viaxeiros
Compartir Este Artigo

