Estes días estase a presentar na Rede unha aplicación directamente encamiñada, en palabras dos seus creadores, “a xubilar os antigos e caros sistemas de fichaxes nas empresas e promover a flexibilidade laboral”. Trátase da ferramenta Sesame e, como se deduce da devandita explicación, estamos ante unha app que fai as veces de punto de información da dispoñibilidade e localización de cada traballador: un punto de información sen marxe de erro e moito máis cómodo que termos que estar dicindo a cada minuto onde estamos ou empregando tarxetas para constatar a nosa presenza nas oficinas.
A aplicación, posta en marcha por unha startup do mesmo nome, lanzouse este ano e xa conta con 200 empresas rexistradas e máis de 1.000 usuarios. Segundo informan os seus creadores, grazas a Sesame as empresas poden contabilizar as súas horas de traballo desde o móbil, xestionar vacacións e acceder a completas estatísticas e informes.
Trátase pois dun sistema de control horario na nube a través do cal os empregados poden rexistrar as súas horas no traballo dende o seu dispositivo ou a través dun panel de control personalizado. A aplicación conta cun sistema de xeolocalización de fichaxes que permite saber a empregados e directivos quen se atopa en activo en cada momento, estean estes presentes na oficina, desprazados a outros lugares ou traballando desde casa. “Un dos grandes avances da ferramenta”, sinalan dende a empresa desenvolvedora, “é que non precisa dispositivos externos nin instalación, só é necesaria unha tableta ou un dispositivo intelixente para poder levar o seguimento a tempo real da actividade laboral dos usuarios, xestionar peticións á empresa, visualizar estatísticas de produtividade e mesmo enviar mensaxes”.
A app tamén permite que os empregados fagan a petición de vacacións desde o móbil, así como que os administradores poidan realizar envíos automáticos de mensaxes ou avisos aos empregados ao propio smartphone.
A aplicación pódese descargar de balde en iTunes e Google Play.
Sesame, unha app para dicir adeus aos sistemas tradicionais de fichaxe laboral
Compartir Este Artigo

