Durante a xornada de onte a plataforma de micromecenado Indiegogo padeceu unha importante caída provocada pola viralización dunha das súas campañas, organizada polo británico Thom Feeney, a quen non se lle ocorreu outra cousas que procurar xuntar 1.600 millóns de euros a través de pequenas achegas de cidadáns individuais a cambio de recompensas moi variadas que van dende mandar unha postal ao primeiro ministro grego, Alex Tsipras, a unhas vacacións en Atenas durante dous días, pasando por numerosos produtos de orixe grega.
A campaña de micromecenado en Indiegogo, que volveu a estar operativa grazas a un respaldo baseado nunha páxina estática para non saturar os seus servidores, aínda que está moi lonxe de poder conseguir o seu éxito, sorprendeu xuntando máis dun millón de euros en tres días, cantidade que claramente non chegará a cobrarse por non superarse o obxectivo da campaña no tempo previsto, pero que serve para conseguir dar visibilidade internacional á problemática grega dende o crowdfunding, algo que cada vez é máis frecuente (moitos proxectos recorren a esta forma de financiamento buscando máis visibilidade que cargos).
O responsable da campaña comenta que a súa iniciativa non está enfocada a solucionar o problema dun país ou duns políticos, senón que busca axudar aos cidadáns, de aí que aproveite para recomendar a compra de produtos gregos e a consideración de Grecia como destino para as vacacións (lembremos que a meirande parte dos ingresos do país proveñen do turismo) para axudar aos gregos a superar a situación actual.
Unha campaña de micromecenado para saldar a débeda grega provoca a caída de Indiegogo
Compartir Este Artigo
