
Xunto ao grupo de investigador Mile, da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, Necom forma parte da Rede Internacional de Investigación de Xestión da Comunicación (Xescom), que coordina o profesor da Universidade de Santiago Francisco Campos e que tamén integran o grupo Novos Medios da USC e Imarka, da Universidade da Coruña. Esta rede, sinálase, “ten entre os seus obxectivos fundamentais a investigación da comunicación nas redes sociais”, explica o profesor de CCSS e da Comunicación Iván Puentes.
Para ir avanzando no devandito ámbito de traballo, o grupo tomou o camiño da autoanálise, ou sexa, de “saber como estamos nós, cal é a presenza dos investigadores en comunicación nas redes académicas máis importantes”. Para este labor de base, avaliaron presenza dun cento de docentes nas áreas de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Xornalismo en Academia.edu e ResearchGate e os resultados desta análise veñen de ser presentados en Aveiro, na décima Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (CISTI 2015), na que Xescom organizou unha xornada de traballo sobre comunicación e xornalismo en redes sociais no que os diferentes grupos da rede presentaron unha serie de estudos. Entre eles, o realizado respecto do uso dunhas redes “con moitas potencialidades para incrementar a difusión da investigación” polos profesores Iván Puentes, María Isabel Míguez e Alberto Dafonte, e outro no que Xosé Rúas e Jesús Pérez constataban que a estrutura das webs analizadas correspondíase cos criterios de deseño do eye-tracking, dispositivo que permite coñecer o comportamento do ollo ante un estímulo visual.
O grupo Necom constata a ampla presenza das redes sociais na investigación galega
Compartir Este Artigo

