Vodafone España vén de anunciar o remate dos traballos de despregamento da tecnoloxía Voz 4G (VoLTE, ou sexa Voz sobre LTE) en toda a súa rede 4G+. A achega deste tipo de tecnoloxía, sinala a compañía, converte a operadora “na primeira do mercado español en ofrecer esta tecnoloxía aos seus clientes”. Segundo engade, Voz 4G é un novo estándar na industria das telecomunicacións cen por cen interoperable que permite facer e recibir chamadas a través dunha conexión de datos 4G. Vodafone salienta que esta tecnoloxía é moi doada de usar para o cliente, “igual que unha chamada de móbil”. Ademais, destaca os engadidos extra da “fiabilidade e a seguridade” da rede de Vodafone.
Outra das vantaxes do servizo, amais do devandito, é que ceiba ao trebello (e ao usuario) de ter que elixir a opción 3G cando se realiza ou se colle unha chamada. Por outra banda, as comunicacións de voz e o emprego de servizos de datos pódense levar a cabo de xeito simultáneo sobre a rede 4G+. Estas, as chamadas de Voz 4G, serán cualificadas a efectos de facturación como comunicacións de voz convencionais, polo que non se engadirán custes nin haberá pegada económica no consumo de datos.
Por outra banda, a nova tecnoloxía permite gozar chamadas de voz en Alta Definición (Voz HD) sobre a rede 4G+ con tempos de establecemento de chamada “máis rápidos”, posibilitando ao mesmo tempo a entrada en xogo de novos servizos avanzados e interoperables de comunicacións multimedia. Os primeiros terminais con Voz 4G son iPhone 6, iPhone 6 Plus, Samsung Galaxy S6, Samsung Galaxy S6 Edge, Sony Xperia Z3, Sony Xperia Z3 Compact, LG G3, LG G4 e Samsung Galaxy S5. Segundo explica a operadora, os clientes con estes modelos de dispositivos só teñen que asegurarse de que contan coa versión de software máis recente para gozar da Voz 4G. Asemade, iranse sumando á tecnoloxía outros novos terminais de xeito progresivo.
Vodafone achega Voz 4G en toda a súa rede 4G+
Compartir Este Artigo

