A Asociación Nacional de Distribuidores de Electrodomésticos (ADEN) presentou esta semana en Compostela unha innovadora e ambiciosa plataforma para a xestión de refugallos eléctricos e electrónicos. A idea é dar acubillo e servizo a un total de 611 establecementos galegos integrados na asociación (que ten sede de seu en Santiago) e preto de 800 de todo o ámbito estatal. Un dos obxectivos da plataforma é facer que sexa o máis doado posible cumprir cos requirimentos das novas normativas (máis esixentes) en materia de refugallos e tratamento dos mesmos. Así, facilitará aos integrantes da ADEN a metodoloxía para asegurar os correctos seguimento e xestión na recollida de material tecnolóxico desbotado. Logo, enviaranse os datos recollidos aos recursos informáticos que o Goberno central habilitará para centralizar toda a información xerada no ámbito estatal.
A plataforma de ADEN será unha plataforma automatizada, denominada PIGA (Plataforma Integrada de Xestión Ambiental), que se vai pór en marcha o vindeiro mes de outubro. A iniciativa presentouse onte nunha xornada celebrada en Santiago sobre normativa de residuos. Segundo se fixo saber, “coa entrada en servizo desta plataforma, o sector da distribución en Galicia verá simplificada e automatizada a exhaustiva tramitación administrativa requirida ao longo de todo o proceso, para o seguimento axeitado dos residuos de orixe domiciliaria”.
Lembrar tamén que só en Galicia, os establecementos de ADEN recolleron o ano pasado 2.904 toneladas de grandes electrodomésticos e, en conxunto, a actividade da asociación supón o 43% do material xestionado por todas as asociacións autonómicas e territoriais en España, segundo fixo saber Paula Paz, responsable de Medio Ambiente de ADEN.
ADEN presenta en Santiago unha plataforma para a xestión de refugallos
Compartir Este Artigo

