Facebook anunciou esta semana unha serie de novidades no seu seo, incorporacións que se apoian nun obxectivo fundamental: converterse nunha rede social o máis útil posible e facer que os usuarios só vexan e reciban unicamente o que de verdade lles interese. Nesta liña, os responsables do servizo 2.0 xa teñen dispoñibles para a aplicación de iOS novas ferramentas coas que podermos xestionar cuestións que consideremos preferentes en canto premamos o botón de inicio na rede social. Achégase así un novo menú de preferencias dende o que é posible darlles prioridade ás novas dos contactos favoritos e, pola contra, pór nun segundo plano os contactos cos que non hai intereses comúns. Tamén se achega a oportunidade de recuperar aos que foran ocultados en datas previas.
O obxectivo da compañía Mark Zuckerberg é como dixemos consolidar un modelo de servizo que libere aos internautas de información non salientable e que lles ofreza boa parte do que poden precisar nas súas sesións en liña, dende consultar a actualidade do mundo ata ver vídeos en streaming. En definitiva, Facebook quere que non saiamos de Facebook.
Segundo lembran dende a rede social, poderemos acceder ás novas ferramentas do remodelado menú de noticias a través do botón máis da aplicación móbil (polo de agora en iOS, xa que os cambios chegarán ao sistema Android nas semanas vindeiras).
Outro dos trocos feitos polos responsables do servizo ten que ver coa súa feitura e deseño. Máis polo miúdo, ten que ver coa fasquía das iconas, ás que se quixo dotar dun tratamento non sexista e duns tamaños e deseños que emprazar á muller no mesmo status có home.
Facebook anuncia novidades para achegar aos usuarios aos contactos e á información máis relevante
Compartir Este Artigo

