O centro tecnolóxico CITIC da Coruña vén de informar da súa participación en nove proxectos presentados á convocatoria 2015 dos fondos europeos de innovación FEDER Innterconecta, cuxo prazo para a achega de candidaturas rematou recentemente. Segundo informan fontes do centro galego acerca dos motivos desta salientable participación (tanto dende o punto de vista cuantitativo como dende o plano cualitativo), acadouse este alto número de proxectos presentados grazas en parte á experiencia adquirida polo propio CITIC en pasadas convocatorias, ás que concorreu en consorcio con diferentes empresas innovadoras da nosa terra.
En total, sinalan os responsables do centro, foron 18 foron as empresas que quixeron contar coas capacidades do CITIC para proporcionar “valor engadido e carácter innovador” aos devanditos proxectos. Estas 18 empresas pertencen a unha trintena de compañías que forman os consorcios que presentaron as 9 candidaturas. Desta volta, lembran dende o centro coruñés, a convocatoria non obrigaba a contar coa participación dun centro de investigación, “pero os consorcios empresariais decidiron apostar pola colaboración do CITIC, grazas ao seu valor, a súa solvencia e a súa capacidade”.
Os proxectos presentados optan a un financiamento que oscila entre o millón e os 4 millóns de euros para cada un deles. A participación do CITIC representa máis do 10% da suma total dos importes dos 9 proxectos. Na pasada edición da convocatoria, o centro participou no desenvolvemento de 7 iniciativas innovadoras que superaban o millón e medio de euros cada unha e que implicaban a máis dunha vintena de empresas.
As áreas de investigación dos proxectos presentados insírense dentro dos eidos da eSaúde, o benestar e o envellecemento activo, o transporte intelixente e a mobilidade, a aeronáutica, a sociedade dixital ou a competitividade industrial, entre outras áreas aliñadas todas elas coas capacidades en Investigación e Desenvolvemento do CITIC, que tamén lembra que FEDER Innterconecta 2015 é unha convocatoria concibida para financiar propostas tecnolóxicas que sexan impulsadas dende as comunidades ou cidades autónomas de Andalucía, Asturias, Canarias, Castela A Mancha, Estremadura, Galicia, Murcia, Ceuta e Melilla.
O CITIC non só participou en proxectos presentados polos consorcios na comunidade galega, senón que tamén o fixo noutras como a andaluza, “o que reforza o seu posicionamento a nivel estatal”, conclúen os responsables do centro.
O CITIC participa en 9 proxectos presentados a Innterconecta 2015
Compartir Este Artigo

