Esta semana o profesor, economista e blogueiro José María Gay de Liébana estivo na Coruña (o 15) e Vigo (ao día seguinte) para amosar en detalle que medidas podemos tomar para ir mudando o actual sistema económico e produtivo cara a modelos máis baseados no coñecemento e a innovación (“a industria do novo mundo”, en palabras do relator). Os relatorios, que foron quen de reunir varios centos de profesionais e directivos, veu da man de APD Noroeste co apoio do IGAPE e o Fondo Social Europeo. Gay de Liébana fixo fincapé nas dúas citas na necesidade de atopar fórmulas de cambio urxente, comezando polo sistema educativo español, xa que co actual, sinalou, “non imos a ningures”. E engadiu: “A nosa economía foi derivando cara a un mercado moi corrente e un sector servizos de pouco valor engadido”. Amais do sistema educativo, sinalou que é preciso anovar a clase política.
Na súa opinión, o cambio non é algo recomendable ou axeitado, é algo urxente e necesario. Cómpre dixo, mudar o xeito de facer as cousas da industria e os seus obxectivos e actividades. Isto repercutirá na creación dun novo tecido produtivo, un tecido 4.0, que espalle por si mesmo e por todos os ámbitos da súa contorna a tecnoloxía, a automatización, a robotización e a era dixital, engadiu. Asemade, sinalou que é crucial potenciar a investigación e os centros tecnolóxicos para xerar e reter talento, parar dunha vez por todas o que está a acontecer cunha boa parte dos enxeñeiros que se forman nas universidades estatais.
Gay de Liébana tamén quixo desmentir o que se di nunha chea de informes que apuntan cara a unha recuperación económica en España. A recuperación, de habela, non é consistente nin estable, explicou, e ademais é artificial, xa que este ano a España favorecéronlle factores que non teñen que ver con ela como a boa situación do diñeiro saínte no Banco Central Europeo.
Lembrar, respecto da traxectoria do relator, que Gay de Liébana é doutor en Economía e Dereito, e exerce de profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade na Universidade de Barcelona. É Académico Numerario da Real Academia de Doutores e participa decote como comentarista de actualidade económica en diversos programas de televisión e radio, amais de escribir en prensa, revistas e publicacións especializadas, ao que cómpre engadir a súa páxina persoal na Rede, onde avalía e debulla con linguaxe clara diversas cuestións económicas de actualidade.
Gay de Liébana fixo un chamamento na Coruña e Vigo a prol de xerar e reter talento innovador
Compartir Este Artigo

