Os días 25 e 26 de setembro temos en Pontevedra unha cita dupla co emprendemento innovador e cos investidores en potencia dese emprendemento novo. Falamos do evento Pont-Up Store, unha iniciativa que vai pola súa segunda edición e que xuntará tamén alumnado dos nosos campus, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación. Este xoves presentouse no consistorio de Pontevedra a web da iniciativa e adiantáronse algunhas das características da edición deste ano do evento, que está promovida polo Campus local e que conta co patrocinio principal do Concello e doutras entidades, como son a Deputación de Pontevedra e o IGAPE, entre outras.
Así pois, segundo se fixo saber na presentación, “o obxectivo principal de Pont-Up Store é facilitarlles aos novos emprendedores e emprendedoras un espazo para amosar e promover a súa marca, os seus proxectos empresariais e a busca de financiamento externo, ademais de ofrecerlles un lugar onde testar e vender os seus produtos ou servizos e proporcionarlles un marco de relación e intercambio de experiencias con diferentes axentes do ecosistema emprendedor”. O encontro pretende tamén animar a futuros emprendedores a concretar a súa idea de negocio.
O evento Pont-Up Store, que naceu o ano pasado dentro da IV Conferencia Ibérica de Emprendemento, está dirixido a novos proxectos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. O encontro, explicouse na presentación, contará cunhas xornadas previas entre o 22 e o 24 de setembro nas que se desenvolverá un extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros, traballo en rede e demostracións, con relatores de primeiro nivel no ámbito galego que compartillarán as súas experiencias, o seu coñecemento e o seu tempo cos participantes.
Os emprendedores poderán escoller entre tres modalidades de participación: dispoñer dun posto de xeito gratuíto durante os dous días do encontro para dar a coñecer os seus proxectos; propoñer actividades que se incluirán dentro do programa do evento, ou participar no apartado 10 minutos de gloria presentando a súa idea, proxecto ou empresa en formato flash, con dez minutos e dez imaxes.
A inscrición de proxectos é de balde a través da web e ficará aberta ata o 9 de setembro. Participar é gratis, sinalouse, “pero será preciso superar un proceso de selección no que se aplicarán criterios de valoración sobre o grao de innovación para o mercado, sustentabilidade e valor social (no caso de emprendemento social), creatividade da proposta de actividades e de dinamización do evento, entre outros”.

