A AMTEGA vén de publicar o proxecto de decreto que garantirá que os edificios das administracións galegas dispoñan dos sistemas de telecomunicacións necesarios para a prestación de servizos electrónicos aos cidadáns. Conforme a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.
O proxecto de decreto desenvolve o disposto no Artigo 9º Infraestruturas de telecomunicacións en edificios públicos da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia. A norma regulará os equipamentos mínimos en materia de infraestruturas de telecomunicacións no interior dos edificios nos que desenvolve a súa actividade a Administración autonómica galega, incluíndo a interconexión da redes interiores coas redes exteriores dos operadores de telecomunicacións.
A aplicación do decreto refírese aos edificios administrativos da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais dependentes dela e posibilita, ademais, instrumentos de colaboración para fomentar e facilitar que as entidades locais adopten as determinacións contidas no decreto.
A norma establece os requisitos comúns para o deseño, a instalación e a certificación da infraestrutura de telecomunicación e os elementos mínimos construtivos e de obra civil necesarios a contemplar no deseño arquitectónico para albergar as instalacións de telecomunicacións. Mesmo defínense as circunstancias nas que será necesario un proxecto específico de infraestruturas de comunicación.
Tamén se fixan os procedementos de comunicación, sempre de forma electrónica, entre as distintas unidades administrativas implicadas para a solicitude, avaliación e remisión dos informes técnicos necesarios para a dotación das infraestruturas de telecomunicacións.
O proxecto de decreto define, ademais, os requisitos técnicos e procedementos para a integración dun edificio ou sede administrativa na Rede Corporativa da Xunta de Galicia, que actualmente presta servizo a máis de 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos e 322 entidades xudiciais e a 91.000 empregados públicos.
A AMTEGA publica a normativa que regulará os sistemas de telecomunicacións no interior dos edificios administrativos
Compartir Este Artigo

