O proxecto campUSCulturae da Universidade de Santiago organiza a partir de hoxe (e ata o 5 de setembro) o curso Xornalismo de datos e narrativas dixitais, unha actividade encamiñada a afondar “nun eido profesional que fornece novas maneiras de narrar e informar”, en palabras dos organizadores. O curso xunta algúns dos principais expertos na materia a nivel estatal e internacional, amosando novas estratexias e ferramentas para comunicar nunha contorna en liña. Entre as/os relatoras/es atópanse os responsables de contidos en liña de The Guardian, PRISA, 2btube, Open Knowlege Foundation, Noticias Univisión, El Confidencial, El Español e El Extrarradio, entre outros medios. Ademais, desenvólvense obradoiros e un hackaton. A actividade está dirixida polo profesor Xosé Neira Cruz e lévase a cabo na Facultade de Ciencias da Comunicación.
Entre os expertos que participan como relatores están o responsable de contidos dixitais de The Guardian, o galego Xaquín González Vieira, un profesional de referencia que anteriormente estivo á fronte de departamentos análogos en Newsweek, The New York Times e National Geographic; Mar Cabra, xornalista de investigación e especialista en análise de datos en International Herald Tribune, The Huffington Post, Le Monde e El País, actual vicepresidenta da sección española de Open Knowledge Foundation; Oscar Becerra, director xeral de PRISA Revistas, fundador de Quo, Emprendedores, Public, Cuore e Be, e editor de Paris Match, Photo e Woman, entre outros medios; e Bastian Manintveld, fundador de BeBanjo, director xeral de On Demand Group, e actualmente presidente executivo de 2btube.
Completarán o panel de expertos convidados o francés Éric Viennot, creador transmedia e deseñador de series vídeo-xogo nas que “fai converxer Internet, cinema e vídeo-xogo”, explican os organizadores do curso, que salientan achegas concretas de Viennot como a serie L”Album secret de l”oncle Ernest, éxito que lle valeu o nomeamento como cabaleiro das Artes e das Letras da República francesa. Asemade, participan no curso de verán Karma Peiró, organizadora das Xornadas de Xornalismo de Datos e Open Data e directora do xornal Nació Digital; Hugo Garrido, da Fundación Civio; Rafa Höhr, infográfico e editor multimedia, editor de gráficos de Prodigioso Volcán; ou Sergio Álvarez Leiva, experto en deseño de xeoinformación e visualización xeoespacial, que traballou para Google, NASA ou a Universidade de Oxford.
Persoeiros referenciais da información dixital participan estes días nun curso de verán da USC
Compartir Este Artigo

