Recentemente púxose en marcha unha nova plataforma en liña dirixida a facilitar a aprendizaxe de linguas a través dunha estrutura de rede social colaborativa (profesores colaborando con estudantes e viceversa). Trátase de Blabelia e segundo nos conta un dos principais responsables do seu desenvolvemento, Rubén Maugo, trátase dunha comunidade de economía colaborativa que conecta xente de todo o mundo e coa vantaxe de pór á súa disposición “unha solución máis barata, máis flexible e máis global” que todas as coñecidas ata o de agora no ámbito do ensino de linguas. O lema é “practicar todo o tempo para mellorar a través da conversa”.
Blabelia foi creada desde Madrid e ten “unha clara vocación internacional”. A día de hoxe, uns meses despois do seu lanzamento, Blabelia conta con máis de 200 profesores de 25 países distintos. En canto aos alumnos, a cifra supera os 550 tras cinco meses medrando cunha taxa do 23% por mes. Amais do devandito, Blabelia salienta por pór a disposición dos usuarios “un potente motor de procura e todos os mecanismos precisos para concertar e xestionar clases tanto para alumnos como para profesores”, engade Rubén, que explica que as clases son de tipo presencial ou ben online con tecnoloxía videoconferencia integrada na propia plataforma Blabelia. O servizo, apunta, é de balde para os alumnos, que unicamente deberán custear o importe da clase determinado polo profesor e unha “peque comisión para procesar o pago”.
A plataforma Blabelia para a aprendizaxe de linguas xa suma 200 profesores
Compartir Este Artigo

