O ano pasaba botaba a andar na Universidade de Vigo o Laboratorio Antelia, un centro que vén de ser acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a realización de diferentes ensaios relacionados coa comprobación dos niveis de radiación, o que o sitúa como referente internacional neste eido. Nado ao abeiro de AtlantTIC -Centro de investigación en Tecnoloxías de Información e a Comunicación– e dirixido polo catedrático de Teoría da Sinal e das Comunicacións Manuel García Sánchez, unha das actividades máis salientables do laboratorio é a comprobación dos niveis de radiación electromagnética na contorna de estacións de telefonía ou instalacións como liñas de alta tensión ou centros de transformación eléctrica.
Con recoñecemento internacional en máis de 60 países, recibir a acreditación ENAC “supón demostrar que a competencia e imparcialidade están á altura das esixencias internacionais”, subliña o director do laboratorio, quen informa do abano de ensaios que poden levar a cabo: medidas “in situ” de exposición de persoas a campos electromagnéticos (vista rápida do ambiente radioeléctrico 100 KHz-3 Ghz) e medida de ganancia de antenas (1 GHz-50 GHz), “parámetro co que se mide a capacidade dunha antena de captar unha onda electromagnética e entregala ao receptor”, aclara o catedrático vigués, que fai fincapé en que a nivel europeo só hai arredor de media ducia de laboratorios cunha acreditación semellante para realizar este tipo de medidas.
Achegándonos ao noso terreo: “Nós somos os primeiros acreditados en Galicia”, aclara o docente, que subliña o feito de que o laboratorio naceu “para facilitar a oferta deste tipo de servizos a entidades e empresas” e, dende entón, realizaron xa arredor dunha ducia de cada unha destas probas. No caso español, en medición de antenas só hai outro laboratorio destas características -situado en Madrid- e en contaminación electromagnética tres ou catro, todos eles na zona de Levante.
Cómpre engadir que, a maiores destes ensaios in situ, o centro dispón dunha cámara anecoica, situada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, para a medida de ganancia e diagrama de radiación de antenas “ensaios de gran valor para o mercado e requisito indispensable para a certificación das súas prestacións”.
A oferta deste laboratorio (alén das medidas dos niveis de radiación e de ganancia das antenas) abrangue tamén outro tipo de medicións relacionadas co mundo das antenas, como o diagrama de radiación e a impedancia “e no futuro iremos incorporando outros ensaios en función da súa posible demanda”, explica o director dun equipo do que tamén forman parte un director de calidade, un director técnico e unha técnica, seguindo a estrutura marcada pola ISO 17025 para laboratorios de ensaio.
Un laboratorio vigués de medición de campos electromagnéticos é acreditado pola ENAC
Compartir Este Artigo

