A operadora Yoigo vén de anunciar unha iniciativa de colaboración coa Cruz Vermella para canalizar a arela solidaria dos usuarios con respecto aos refuxiados que chegan a Europa ou tentan chegar. Con este obxectivo de recadar fondos para a devandita organización humanitaria, a operadora habilitou os números 28092, 38088 e 38092. Segundo informa a compañía, o chamamento responde á situación na que se atopan, arestora, milleiros de persoas que abandonaron os seus países de orixe fuxindo de conflitos que están a esnaquizar os seus fogares. Coa iniciativa solidaria, a Cruz Vermella poderá ofrecerlles comida, auga, roupa, apoio psicosocial e medicamentos.
Yoigo pide a solidariedade aos clientes que queiran colaborar na axuda aos refuxiados. Segundo informa, “só teñen que enviar a palabra AXUDA, tendo en conta que o importe da doazón é diferente dependendo do número ao que envíen o SMS”. Así, a través do 28092 o importe íntegro da mensaxe será de 1,2 euros para a Cruz Vermella. No 38088, o importe íntegro da mensaxe será de 3,00 euros (na súa totalidade para para Cruz Vermella). No 38092 a doazón será de seis euros.
Ademais, Yoigo incluíu na súa web un apartado dentro da sección Enreda onde informa sobre esta campaña de colaboración e anima aos seus clientes a contribuír na medida “en que lles sexa posible”.
Yoigo e Cruz Vermella achegan tres números para canalizaren a axuda aos refuxiados
Compartir Este Artigo

