Esta mañá presentouse en Santiago o novo Portal da Lingua Galega, que a partir de agora reemprazará a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Amais deste portal, deuse a coñecer en detalle, debullándoo polo miúdo, un dos recursos acubillados naquel, o tradutor Gaio, “ata o de agora de uso interno na Administración e a partir de hoxe en aberto para toda a cidadanía”, sinalaron no acto perante os medios o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Na presentación, Valentín García salientou “a proxección social” do Portal da Lingua Galega, que ten unha vocación cidadá, dixo, “que soborda os límites do unicamente administrativo, pois ofrece información, servizos, recursos e actividades para que os galegos e galegas poidamos vivir en galego”.
Mar Pereira, fixo saber que a presenza da Administración pública na rede é “unha ferramenta fundamental para a prestación de servizos públicos dixitais e, neste caso concreto, para difundir a nosa riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social”.
Na súa opinión, este reto (“fortalecido co emprego do dominio .gal) está a ser asumido dende todas as canles institucionais, “ao abeiro do compromiso que asumiu o Goberno galego o pasado mes de maio e que se completará a finais de 2016 coa migración de todos os portais e o correo corporativo ao .gal”.
Durante a presentación García e Pereira afondaron nas directrices que orientaron a remodelación da web da Secretaría: “harmonizala co deseño corporativo da Xunta e coas súas directrices de transparencia, seguridade e accesibilidade; completar o traspaso ao dominio.gal; renovar a súa aparencia cunha estética máis agradable e actual; estruturala de maneira que se axuste ás dinámicas, programas e actuacións que actualmente desenvolve a SXPL e presentar a información e os servizos dunha maneira máis intuitiva e transparente para a cidadanía”.
Como dixemos, inclúese ao abeiro do portal o tradutor Gaio, “que permite a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán, e que posibilita a tradución de textos e tamén a tradución inmediata de páxinas web”. A funcionalidade, fíxose saber, incorpora unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os Concellos, Consellerías, etc. Pereira e García engadiron que “esta útil ferramenta, ata agora de uso interno na Administración, está desde hoxe a disposición de toda a cidadanía no dominio lingua.gal”.
En marcha o Portal da Lingua Galega
Compartir Este Artigo

