
Garriga foi a encargada de dar a benvida salientando a importancia de que o alumnado coñeza “as vantaxes que ofrecen e as funcións que teñen os colexios profesionais e o futuro profesional que lles agarda ao rematar os estudos”.
Ao estudantes presentes, Fernando Suárez, comezou felicitándoos pola elección destes estudos e tamén do centro, “salientando como os egresados ourensáns e galegos en Enxeñaría Informática son valorados e recoñecidos polas empresas galegas e foráneas pola súa formación”. E engadiu: “Escollestes unha profesión con moitos retos e con boa saúde en empregabilidade”. Suárez tamén salientou a importancia de continuar traballando, non só para manter a devandita posición da alta taxa de empregabilidade senón tamén para conseguir a regulación da profesión, “xa que a Enxeñaría Informática está pendente aínda da súa equiparación coas demais enxeñarías”, engadiu, complementando a opinión do seu compañeiro de mesa e de actividade reivindicativa, Marcos Mata, que coincidiu na necesidade de regular e de seguir despregando esforzos a prol do recoñecemento destas profesións (Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica en Informática). Nun plano máis concreto, Mata avogou por xuntar forzas contra a precariedade laboral, “para que os postos de traballo se adecúen á cualificación e ás capacidades destes enxeñeiros e poidan desenvolver todo o seu talento”.
Suárez e Mata tamén tiveron palabras para falar do papel das mulleres no ámbito informático, unha materia sen dúbidas pendente, posto que segue a haber (e incrementándose) unha importante fenda de xénero nos estudos TIC e tamén no mercado laboral. “Cómpre animar ás rapazas a estudar estas enxeñarías, pois permítelles traballar en calquera ámbito da vida, desde a sanidade á educación, xa que as novas tecnoloxías da información están hoxe en día presentes en todo”, destacaron.
Co fin de estreitar o contacto con esta “realidade profesional”, Mata subliñou a
oportunidade que teñen os estudantes de inscribírense no colexio profesional coa figura de precolexiado, que non ten custe para os beneficiarios pero que lles permite acceder aos servizos da entidade que non sexan específicos do desenvolvemento profesional, como cursos de formación, actividades, descontos e acceso a diferentes servizos. O presidente do CPETIG tamén lembrou que colexio que representa está a despregar importantes esforzos na organización de cursos, xornadas divulgativas, ademais doutros servizos, “xa que o sector evoluciona a tal velocidade que a actualización de coñecementos é fundamental para poder prestar un bo servizo profesional, xa sexa nas empresas ou por conta propia”.
Marcos Mata e Fernando Suárez recibiron aos estudantes de primeiro curso da ESEI
Compartir Este Artigo

