Estes días púxose en marcha na nosa terra unha plataforma web para permitir á comunidade internauta galega participar directamente na realización do noso Catálogo das Paisaxes, achegando cada cidadán a súa opinión e o seu coñecemento sobre o noso territorio e a súa conservación ambiental e estética. A ferramenta está dispoñible en Sixot.es e vén da man da Consellería de Medio Ambiente. Segundo informa este departamento, a plataforma permítenos identificar nun mapa os emprazamentos con meirande valor paisaxístico. “Cada un dos puntos introducido nesta aplicación por calquera persoa será analizado e tido en conta na elaboración final do Catálogo das Paisaxes de Galicia”, engade Medio Ambiente.
O portal, como dixemos, forma parte do programa de promoción da participación pública na elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, desenvolvido polo Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela dentro do sistema SIXOT (Sistema de Información para a Xestión e Ordenación do Territorio). Un dos seus puntos fortes é a sinxeleza de uso e o carácter “amigable”, de aí que integre (entre outros recursos) un vídeo demostrativo dirixido a facilitar o seu emprego, dispoñible na páxina inicial, no que se amosa como empregar o visor para localizar un punto de interese paisaxístico.
A web posibilita, nun plano máis específico, a consulta de diferentes capas de información xeográfica destinadas tanto a facilitar a localización dunha área xeográfica concreta (límites administrativos, áreas e comarcas paisaxísticas, estradas, ferrocarril, entidades de poboación, fotografía aérea e mapa topográfico), como a informar sobre os posibles elementos de interese para a paisaxe (tipo de paisaxe, elementos patrimoniais, espazos naturais, miradoiros e lugares preseleccionados polos técnicos).
Medio Ambiente tamén engade que amais de cada un dos módulos dispoñibles (Lugares, Valores e Áreas degradadas), existe unha capa xeográfica na que o cidadán pode engadir información relacionada coa temática do módulo correspondente. Así, no módulo de Lugares os usuarios “poden debuxar un punto nos lugares que consideran que posúen un maior valor paisaxístico e escribir un comentario relativo ao motivo ou ás características polas que identifican esa localización como de importancia paisaxística”. No módulo de Valores os cidadáns “poden localizar puntos en lugares que posúan certos tipos de valores ou características relevantes”, engádese. No módulo de Áreas degradadas pídese aos usuarios que localicen puntos en lugares con alteracións ou impactos que afectan de forma relevante á paisaxe.
Os participantes poden colocar tantos puntos como consideren precisos para expresar as súas preferencias e opinións ao longo dos meses de setembro e outubro, nos que estará dispoñible o portal.
Habilitada unha plataforma web para participarmos na elaboración do Catálogo de Paisaxes
Compartir Este Artigo

