A segunda edición de Galicia Open Future chegou esta semana a un punto importante do seu desenvolvemento. Segundo puidemos saber, o centro de crowdworking posto en marcha na Cidade da Cultura por Telefónica (en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA) encetou xa estes días a súa actividade formativa con respecto aos proxectos finalmente seleccionados para participar nesta nova edición da palestra de emprendemento galego TIC. Trátase de medio cento de proxectos, dos que 20 proceden da Coruña, 12 de Santiago, 7 de Vigo, 3 de Lugo, 3 de Ourense e outros 3 de Vilagarcía, Tui e norte de Portugal.
Cada proxecto, como acontecía o ano pasado e malia as moitas semellanzas que poidan amosar (todos eles son innovadores e están en menor ou maior medida moi centrados nas novas tecnoloxías da información), ten as súas características e diferentes estados de desenvolvemento (hainos que son propostas e outros están comercializándose). Pese a contar co devandito substrato común (as TIC) abranguen sectores diversos: a madeira, a saúde, o motor, a agricultura, etc. Este ano, como dixemos, hai un proxecto con orixe en Portugal, cuxa inclusión responde en parte á arela de impulsar a colaboración galego-lusa no eido do emprendemento.
Na primeira andaina da segunda edición de Galicia Open Future (esta andaina arestora en curso) os responsables dos proxectos elaborarán cadanseu plan de negocio. Para isto, recibirán asesoramento e adestramento dun completo elenco de especialistas procedentes de Telefónica e os seus centros de coworking e crowdworking, con amplos coñecementos en materias como a mercadotecnia, o comercio electrónico ou a busca de financiamento. Os emprendedores terán tamén ocasión de compartir experiencias con outros proxectos de todo o mundo involucrados no programa de innovación Open Future de Telefónica -no que se integra Galicia Open Future-, e que xunta novas empresas, investidores e entidades públicas e privadas de todo o mundo. Igualmente disporán dunha axuda de 2.000 euros achegada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Isto polo que respecta á primeira fase da edición segunda. Logo, na seguinte etapa do camiño, elixiranse as tres mellores iniciativas da aceleradora (estas tres iniciativas recibirán un pulo de 25.000 euros da man de GAIN, amais de ter acceso a un empréstamo reembolsable de XesGalicia por un valor máximo de outros 25.000 euros).
As iniciativas que comezaron estes días as súas xeiras formativas son as seguintes: 123Fly, Aenea.org, Axenda Cloud BigData, Engade unha capa social á túa web en 1 só clic, Appersonalizar, Cogomelo Games, Conectacam, Dismedia, Dogoplay, Energyatyco, Gelecoair, Historiable – Historias que valen a pena, Opositatest.com, Phottic, Nos Juntamos, Real2Estafe, Versabotics, VIP Waiter, Humanas Saúde Organizacional, SMEV, Apparece, Bares Wave Rider Buoy, E-Monte, Insulclock, Lagunal, LexPrevia, MD IUS Innovation, Nubings, Prefapp, Proxecto Wimbag, SetPay, S-REC, Evernight, KITeKAR, Proxecto de Adrián Paramés González, Forginx, Rhinometrics, Smart Water, VoxelCraft, Keko Tukos, Muuusy, Nudoss.com, iBeeAgro, Autofarm, Meigalabs, Refly e Pekeagenda.com.
Galicia Open Future II comeza a guiar o plan de negocio dos seus 50 proxectos seleccionados
Compartir Este Artigo

