A Deputación de Ourense deu a coñecer o pasado venres un novo sistema TIC que permite aos profesionais do sector vitivinícola recibir de xeito inmediato todos os datos relativos ao proceso da vendima. A ferramenta, presentada polo presidente do organismo provincial (Manuel Baltar) xunto co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso, é unha aplicación para dispositivos móbiles con capacidade de abonda, salientaron, como para facer máis doado e eficaz “o traballo de verificación das entregas de uva realizadas e o acceso inmediato a estes datos por parte do consello regulador”. O seu desenvolvemento insírese nun proxecto financiado pola Deputación de Ourense para modernizar o CRDO Ribeiro dende o punto de vista tecnolóxico e favorecer “unha xestión automatizada dos labores que desenvolve”.
Na presentación perante os medios fíxose saber que o proxecto dado a coñecer supón “a introdución do Ribeiro nas novas tecnoloxías, dotando á entidade dunha alta efectividade para garantir a calidade dos seus viños”. En virtude da nova ferramenta para dispositivos intelixentes, engadiuse, os datos sobre a vendima deste ano da Denominación de Orixe Ribeiro serán procesados e actualizados minuto a minuto. Segundo se explicou, isto está xa ao alcance da man de todos os inspectores, xa que a aplicación atópase descargada nas súas tabletas, axudándolles na tarefa de avaliar as entregas realizadas nas adegas e levando os datos recollidos á nube e logo ao servidor do Consello Regulador, para en último termo seren aloxados na web con todo o que isto implica: permitir ao Consello e aos seus operadores o acceso inmediato aos datos xerados e acubillados.
“A tecnoloxía”, engadiron os responsables do seu desenvolvemento, “salienta por sistematizar e coordinar todos os procedementos do sistema de calidade en tempo en forma, un método que permite minimizar erros e recursos e xera unha importante efectividade e fiabilidade do traballo e servizos que presta o CRDO Ribeiro”. A maiores, o recurso achega vantaxes importantes para as adegas, posto que as fornece dos datos cualitativos, cuantitativos e de seguimento do seu produto.
A Deputación de Ourense amosa unha aplicación para coñecer no intre os datos da vendima
Compartir Este Artigo

