Telefónica Open Future, a aceleradora aberta de iniciativas tecnolóxicas de Telefónica (na que se insire a súa edición galega, Galicia Open Future), lanzou esta semana unha convocatoria de alcance internacional para procurar as mellores novas firmas que queiran formar parte das lanzadeiras de Wayra. Son en total 47 prazas para “emprendedores con proxectos innovadores de alicerce TIC”. Destas prazas ofertas, Wayra en Reino Unido contará con 20 espazos novos; España con 10 (5 en Madrid e 5 en Barcelona); Perú abre as súas portas a 8 novas startups; Venezuela a 3; Chile a 3; Arxentina conta con 2 espazos; e por último México abre a convocatoria para unha nova startup.
O prazo de inscrición abrirase o 21 de setembro para todos aqueles emprendedores que, en palabras dos responsables da palestra tecnolóxica, “teñan unha idea innovadora e cuxo obxectivo sexa solucionar os problemas do futuro co uso da tecnoloxía”. As firmas terán ata o 11 de outubro para cumprimentar todos os pasos precisos para formar parte do proceso de selección dentro da plataforma de Telefónica Open Future. Un equipo de expertos avaliará as características e o potencial dos proxectos, e tras un exhaustivo proceso de escolma anunciarase cales son as startups que poderán participar en Wayra. Este programa de aceleración, explica Telefónica, provelles de financiamento, formación e asesoría especializada, así como un espazo de traballo para o seu equipo e o potencial acceso aos negocios do Grupo Telefónica. Ademais, as firmas aceleradas poderán beneficiarse da rede de emprendedores, investidores e expertos que se agrupan ao redor de Telefónica Open Future.
Telefónica Open Future quere xuntar en Wayra as mellores startups mundiais
Compartir Este Artigo

