A Deputación de Pontevedra está a afianzar ligazóns coa Deputación de Sevilla para, segundo fixeron saber, colaborar a prol de integrar na entidade galega as boas prácticas desenvolvidas na capital andaluza en materia de Administración Electrónica. Segundo informou a presidenta do organismo provincial pontevedrés, Carmela Silva, tras unha xuntanza co responsable da entidade sevillana, Fernando Rodríguez Villalobos, “a Deputación de Sevilla é un modelo de xestión de como unha institución provincial, durante moito tempo, vén desenvolvendo a súa función con boas prácticas”.
Silva salientou tres aspectos fundamentais como “os máis interesantes” da súa visita á institución andaluza, nos cales o persoal técnico que a acompaña nesta visita de traballo estivo a afondar este martes en Sevilla. En primeiro lugar trátase da política de anticipos de tesourería e liquidez aos concellos da provincia sevillana, “que é un bo instrumento de xestión para os concellos andaluces”, sinalou Silva. En segundo lugar figura a oficina técnica de asesoramento aos concellos coa que conta o devandito organismo andaluz, que ofrece servizos de asistencia xurídica, sobre urbanismo ou de contratación. En último lugar, e non menos importante, a presidenta do organismo provincial salientou o servizo de Administración Electrónica da Deputación de Sevilla, un desenvolvemento de seu que tamén se está a integrar nos concellos dos seus ámbito de acción e que, segundo puidemos saber recentemente, xa abrangue coa súa presenza máis de 60 administracións locais (cada unha coa súa sede electrónica) e posibilitou pasar en número de documentos asinados electronicamente dos 50.000 do ano 2012 aos 226.000 en 2014 (a través das plataformas de seu port@firma , decret@ e convoc@.

