A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Marisco (ANFACO-CECOPESCA), entidade con sede en Vigo e destinada (entre outras cousas) a promover os produtos galegos do mar, vai organizar en Madrid un evento blogueiro dirixido, precisamente, a reivindicar no mercado estatal os valores das nosas conservas de peixes e mariscos. Trátase de #Gastromeetconserva, unha cita na que participarán xornalistas e responsables de blogs gastronómicos de todo o ámbito español.
O evento desenvolverase o vindeiro 2 de outubro e o obxectivo é subir un novo chanzo na difusión dixital das enormes posibilidades dos devanditos produtos galegos, “amais de pór de relevo os valores do peixe e do marisco como alimento completo e saudable”.
O encontro terá lugar en Espazo Mood e contará coa participación do chef Diego Gallegos, propietario do restaurante malagueño Sollo e gañador do premio chef revelación de Madrid Fusión 2015, quen ofrecerá unha demostración con conservas galegas de peixes e mariscos.
O evento #Gastromeetconserva dá continuidade ao encontro bitacoreiro (blogtrip) celebrado o ano pasado en Vigo, e reafirma a aposta de ANFACO-CECOPESCA pola comunicación social actual “como estratexia para situar as conservas no ámbito da cociña de vangarda”. Esta actividade enmárcase dentro da campaña de promoción das conservas que a entidade empresarial galega desenvolverá durante o ano 2015 coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o Fondo Europeo de Pesca.
Para obtermos máis información sobre #Gastromeetconserva convén visitar os días vindeiros a páxina do Club de Amigos das Conservas de Peixe, onde se irán subindo textos e imaxes sobre o evento e a campaña nas redes sociais da que forma parte.
Os conserveiros galegos convocan aos principais blogueiros gastronómicos en Madrid
Compartir Este Artigo

