Finalmente esta noite celebrouse a XX Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, no Gran Hotel da Toxa (O Grove). A cita contou coa asistencia dunhas 300 persoas, e estivo presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén acudiron o vicealmirante e subdirector xeral de Ensino Militar, Andrés Breijo; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; e unha completa e diversa representación das empresas máis importantes do sector das novas tecnoloxías do noso país. Durante a súa intervención, o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro, sinalou que “a evidencia dinos que os países máis adiantados dende o punto de vista tecnolóxico foron os que mellor e máis axiña superaron a crise que, dende 2008, azouta as nosas vidas”.
Segundo fixo saber, “as
Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, aplicadas a
sectores claves para nós como a agricultura, a gandería, os montes,
a pesca, os cultivos mariños e a industria, poden situarnos na
vangarda do progreso e ser fonte de creación de empresas e de
emprego de calidade”.
Este ano, a gala
organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicación de Galicia, estivo dedicada a Un mundo
conectado. Como sinalou Bermúdez de Castro, “na actualidade,
menos do 1% das cousas están conectadas á Rede, pero esa cifra
medrará a un ritmo do 60% anual nos vindeiros anos”. Así,
engadiu, en 2020 haberá 4.500 millóns de internautas e o número de
conexións será de 50.000 millóns. “Perante estes cambios xa
inminentes”, proseguiu o decano, “temos por diante un reto
marabilloso: crear a infraestrutura tecnolóxica que soporte esta
avalancha, desafío que require un gran esforzo humano e económico,
e os enxeñeiros de Telecomunicación estamos preparados para asumilo
e superalo, pero non podemos facelo sós, necesitamos a axuda das
empresas e das Administracións”.
Ramón Bermúdez de
Castro dirixiuse a Alberto Núñez Feijóo para pedirlle “que
aposte polo futuro e pola economía dixital. As solucións do pasado
no serven para o porvir. Non podemos mirar o futuro desde o espello
retrovisor”. Apostar polo sector TIC, dixo, é “unha maneira
eficaz de evitar a sangría da emigración dos nosos mozos que teñen
que abandonar Galicia para atopar un traballo digno, en consonancia
coa súa excelente preparación”. E proseguiu:“Señor presidente
da Xunta, en máis dunha ocasión, escoiteille dicir que aquelas
cidades que non estiveran conectadas por AVE non estarían no mapa do
progreso, pois ben, aqueles países que non aposten pola
investigación e o desenvolvemento e non fomenten novas empresas
tecnolóxicas, perderán o tren do futuro”. Segundo lle lembrou o
decano ao presidente do Goberno Galego, “os que se sitúen a súa
marxe serán os novos excluídos sociais”.
Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2015
A gala foi presentada
pola galega Silvia Jato, e contou con varias actuacións en directo
do Grupo DGT. Deu comezo ás dez menos cuarto da noite, coa
proxección dun vídeo sobre Un mundo conectado, e continuou
coa intervención de Ramón Bermúdez de Castro. Acto seguido,
entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade
da Información 2015. Os sete gañadores desta edición son:
· Premio Gerardo
García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC
a CO2 Smart Tech, S.A., pola súa contribución á creación de
emprego, a súa expansión internacional e a consolidación do seu
volume de negocio en amplos mercados.
· Premio Gradiant
á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015 a Alberto
Rico Alvariño polo seu traballo Técnicas cognitivas e de
procesado do sinal para unha mellor explotación do espectro en
comunicacións sen fíos.
· Premio Ineo
ao produto ou servizo TEIC orientado ao Internet
das Cousas a Consultores
Tecnológicos Industriales de Galicia, S.L. polo proxecto Open
Framework i3. V4.0, un sistema aberto para a extensión da
automatización de procesos a partes do sistema produtivo industrial
no que aínda non estaban implantados.
· Premio ao Mellor
Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio
Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de
Galicia, en colaboración coa axencia AMTEGA, as Aulas Interactivas
para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou
discapacidade intelectual de Down Galicia. O galardón recoñece o
carácter innovador da idea, a súa viabilidade e aplicabilidade
pragmática e a súa contribución ao acceso destas persoas ás TIC
e a inclusión dixital.
· Premio Acuntia
á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas
intelixentes de telecomunicacións a RETEGAL, polo seu esforzo e
adicación en pechar a fenda dixital na nosa comunidade.
· Premio Socio de
Honra 2015 a Asociación Puntogal pola súa achega á
visibilidade, na Rede, da lingua, a cultura e a identidade de
Galicia.
· E o Premio
Enxeñeiro do Ano 2015 a José María Pousada pola súa
contribución á difusión das Tecnoloxías da Información e a
Comunicación en Galicia.
Tras a entrega dos
galardóns, o enxeñeiro do ano, José María Pousada, pronunciou
unhas palabras en nome de todos os premiados, nas que asegurou
sentirse “profundamente afortunado de ser enxeñeiro de
Telecomunicación”. Tamén confesou que “o recoñecemento que
hoxe se me outorgou, levoume a facer unha revisión dos meus logros
profesionais, e o que descubrín é que o pouco ou moito que
conseguín débollo á xente que estivo ao meu lado”.
Finalmente, o encargado
de despedir a XX Noite Galega das Telecomunicacións foi o presidente
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pronunciou o discurso de
clausura.

