Compostela acollerá do 13 de outubro ao 13 de novembro unha nova edición do Programa de creación e consolidación de empresas de industrias culturais e creativas que terá lugar no viveiro de empresas de Costa Vella. A dita actividade, que será completamente de balde, é levada a cabo pola Cámara de Comercio de Compostela xunto coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (INCYDE) e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, co financiamento do Fondo Social Europeo.
Indo ao miolo deste encontro: no programa, que se desenvolverá en 207 horas entre consultorías e sesións conxuntas, participarán un máximo de 25 proxectos. Está encamiñado a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos sectores: arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño, e a emprendedores que conten cun proxecto cultural definido.
Quen impartirá o programa? Será impartido por persoas con ampla experiencia profesional e docente, actuando como consultores homologados pola Fundación INCYDE como formadores.
Emporiso, os emprendedores culturais deben coñecer as ferramentas de xestión empresarial adaptadas aos novos retos protagonizados pola cultura actual fomentándose deste xeito o uso de novas tecnoloxías.
Para rematar, cómpre subliñar que a metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, para o que os participantes elaborarán unha presentación do Business Plan dun proxecto empresarial. Trataranse contidos sobre administración da empresa cultural, mercadotecnia e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.
A Cámara de Santiago organiza un programa de afianzamento empresarial para firmas creativas
Compartir Este Artigo

