Entre os recoñecementos entregados estes venres na XX edición da Noite das Telecomunicacións de Galicia (organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) figura o Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015, outorgado polo propio COETG-AETG. Esta distinción recaeu en Alberto Rico Alvariño polo seu traballo Cognitive and signal processing techniques for improved spectrum exploitation in wireless communications. Como lembraremos, a tese premiada expón técnicas que incrementan a eficiencia das redes sen fíos e achega solucións ao problema de reutilización do espectro radioeléctrico, que ten un impacto fundamental no desenvolvemento socioeconómico. Unha mostra da súa aplicabilidade é que os resultados desenvolvidos foron licenciados para o uso da Axencia Espacial Europea nos seus proxectos e estándares.
Segundo informa Gradiant reflectindo informacións do autor do traballo, a tese en cuestión demostra que é “posible incrementar a eficiencia nas redes sen fíos” e todo isto a través do estudo de diferentes redes, “por exemplo redes de próxima xeración Wi-Fi, redes celulares, redes de Televisión Dixital Terrestre, e mesmo redes de comunicación por satélite móbil”.
Respecto das técnicas a empregar, a investigación emprázanos para tirar partido de diferentes técnicas baseadas en procesado de sinais, en intelixencia artificial, “para tratar de incrementar a velocidade coa que estas redes transmiten información”. No que atinxe ás aplicacións que poden ter as importantes achegas propostas no seu traballo de investigación, Alberto Rico apunta a que podería permitir o acceso en zonas rurais para fogares afastados, ou para barcos navegando en alta mar. “Permitiríalles acceder a unha conexión a Internet cun custo moito menor ó que teñen hoxe en día”, explica, ao que engade que tamén poderían aplicarse a súas propostas a contornas onde haxa moita densidade de usuarios da Rede, como podería ser un estadio de fútbol ou un centro de congresos e exposicións. “Nestes casos”, sinala, “o que adoita acontecer é que as redes se colapsan, e coas técnicas que se presentan na tese poderíase servir a todos os usuarios de forma simultánea, desta forma non se colapsarían as redes”.
O Premio Gradiant 2015 distingue o labor de Alberto Rico a prol da eficiencia das redes sen fíos
Compartir Este Artigo

